TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade na feira EIBTM de Barcelona

26/11/2012 Turismo de Santiago promocionará a cidade na EIBTM, que se celebrará do 27 ao 29 de novembro en Barcelona. Trátase da feira máis importante de Europa no sector dos Congresos, Xornadas e Incentivos, xunto co IMEX de Frankfurt, evento no que tamén participou a empresa municipal de promoción turística. Nesta edición do EIBTM estímase que participarán máis de 15.000 profesionais dos sectores vinculados coa industria das convencións, os eventos e as viaxes de negocios.

Turismo de Santiago acudirá a EIBTM a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo para a captación de congresos e xornadas e a colaboración coas empresas organizadoras de calquera tipo de eventos na cidade. A empresa municipal reunirase con organizadores de congresos, axencias de viaxes e touroperadores especializados no sector congresual e de viaxes de incentivos.

O SCCB estará presente no pavillón de Turespaña, dentro do stand de Galicia. Ademais das citas cos profesionais do sector, o SCCB participará na reunión do Spain Convention Bureau, no que se tratarán propostas de colaboración con Paradores e Turespaña, definirase unha revisión da web actual da Spain Convention Bureau, así como o material promocional para o vindeiro ano, e definirase tamén o Plan de Actividades 2013.

Ademais, o SCCB repartirá o material que ten específico para o sector congresual: a Guía de Congresos presentada este mesmo ano 2012 en Fitur, tanto en castelán coma en inglés e a Guía profesional de Santiago. Tamén repetirá material promocional xenérico sobre a cidade e USBs para entregar nas reunións, con material informativo e audiovisual.

Compartir: