COMERCIO

Santiago será a primeira cidade en dispor de "Feirón", un pioneiro sistema de fidelización para o pequeno comercio

26/11/2012 Feirón é unha ferramenta de marketing que, a través das novas tecnoloxías, pon en contacto aos axentes comerciais cos clientes para dinamizar as visitas destes aos seus negocios ofrecéndolles vantaxes nas súas compras. Santiago será a primeira cidade en dispor deste sistema pioneiro, grazas á colaboración entre o Concello, a asociación de comerciantes Santiago Centro e operador galego R.

Esta plataforma, creada pola empresa Tuapli, foi presentada aos medios de comunicación e o martes 27 darase a coñecer aos propios comerciantes composteláns, nunha sesión informativa prevista ás 20:30 horas no Hotel Araguaney. O obxectivo é que os sistema estea en pleno funcionamento para a campaña de Nadal.

Este novidoso sistema, basicamente, premia aos clientes por visitar os establecementos adheridos a ela. Ademais, facilita a comunicación entre os comerciantes e os clientes.

Este vieiro nace para garantir a a fidelización dos clientes actuais e a captación de novos. A idea é que poidan aproveitar de contado todas as súas vantaxes e desenvolver desta volta unha campaña de Nadal diferente e singular. Trátase, en suma, de que os pequenos e medianos comerciantes teñan a man as ferramentas de marketing máis efectivas das grandes empresas pero sen incorrer en grandes investimentos nin en infraestruturas complexas.

Os comercios poderán así premiar aos seus clientes soamente por visitalos e invitalos a que volvan comunicándolle de xeito sinxelo as súas novidades e promocións a través do correo electrónico, o móbil ou as redes sociais. Os clientes participarán en sorteos unicamente por pasar polo negocio adherido e pasar a tarxeta identificativa con código QR que se lles facilitará polo lector habilitado en cada establecemento. Así, sortearanse mensualmente 500 euros para gastar na rede Feirón e realizarase un sorteo anual dun soldo de 1.000 euros durante un ano, ademais doutros sorteos especiais e estacionais.

Feirón foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Comercio, Reyes Leis, que estivo acompañada por Alberto Lázaro, de Tuapli; David Fernández, de R; e o presidente de Santiago Centro, José María Fernández.

Documentos relacionados



Compartir: