TRÁFICO

Vinte e cinco condenados por delitos viarios reinsírense con formación

24/11/2012 Clausurouse o primeiro curso impartido na cidade para substituír as horas de traballo social por un programa educativo. Os 25 alumnos que durante as últimas catro semanas participaron neste curso, destinado a condenados por delitos viarios, non só cumpriron nunha aula a condena de traballos comunitarios que lles impuxo a xustiza, senón que ademais aprenderon a cuestionarse a súa propia conduta ao volante e a comprender o alcance que pode ter unha infracción.

O obxectivo do programa formativo durante este último mes, foi sensibilizar e concienciar os penados, proporcionándolles información que lles axude a fomentar comportamentos responsables. Con este fin, as sesións reforzáronse con vídeos e tamén se traballou con formulacións doutros escenarios, poñendo os participantes en situacións distintas ás que eles provocaron, logrando que as vivisen en primeira persoa, para así ser conscientes das súas consecuencias, e xerar con iso unha predisposición ao cambio na súa conduta.

Formación para cambiar condutas. Ese foi o principal fin deste programa formativo, impartido pola Asociación de Criminólogos de Galicia (CRIGA), promovido por Institucións Penitenciarias, financiado pola Consellería de Xustiza e Interior e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Grazas a esta iniciativa, que se está a estender por toda a Comunidade Autónoma, os condenados teñen a oportunidade de saldar a súa condena sen ter que desprazarse do seu domicilio, aprendendo a ser mellores condutores. "Eu agora cando vou no coche xa o fago doutro xeito. Antes non pensaba en nada, pero agora si", explicaba un das participantes no curso, sancionado ao igual que a maioría dos seus compañeiros por conducir baixo os efectos do alcohol.

Ao longo de catro sesións de cinco horas cada unha, sempre os sábados para que os asistentes non tivesen que deixar os seus traballos, os tres profesores, Diana Parente, licenciada en Criminoloxía e Policía Local en Compostela; Regina Bosé, educadora Social; e Felipe Pavón, licenciado en Criminoloxía e presidente de CRIGA, intentaron deixar sentados conceptos relativos á seguridade viaria, os efectos do alcohol, as distraccións ao volante e as técnicas para superar a agresividade na condución. Os docentes preparan xa a edición do próximo curso para o ano 2013.

Compartir: