MULLER

Nenos e nenas de 20 colexios colgaron 5.300 siluetas na praza do Obradoiro contra a violencia de xénero

23/11/2012 Para conmemorar o Día Internacional da Violencia contra as Mulleres, este 25 de novembro, rapazas e rapaces de mais de 20 colexios de Compostela colgaron na praza do Obradoiro 5.300 siluetas. No fondo branco desas siluetas puxeron palabras en positivo como amor, amizade ou cariño e, no fondo negro, palabras negativas que queren desbotar como violencia, opresión ou submisión.

A concelleira de Benestar Social e Muller, Paula Prado, sinalou que é moi importante traballar dende o ámbito da prevención e do ámbito educativo. Ademais, dixo, "débese comezar a traballar dende as idades de infantil e primaria para que dende o primeiro momento vexan cales son as problemáticas da violencia e educalos no amor e no cariño cara aos demais e desbotar a violencia".

Este acto completarase con outros organizados pola Concellería, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co fin de condenar a violencia de xénero, concienciar e sensibilizar sobre a súa erradicación e promover a empatía e a autoestima para tomar partido en contra da violencia cara as mulleres. Así, o domingo 25 de novembro celebrarase a segunda edición do Camiño Solidario. Partirá dende a praza de Lavacolla ás 10:00 horas, pasando polo Monte do Gozo ao redor das 11.30 horas para incorporar aquelas persoas que o desexen (o punto de encontro será a praza da fonte). Unha representación do Concello acompañará o grupo ata a praza do Obradoiro, onde se levará a cabo unha concentración multitudinaria.

As persoas participantes estarán en todo momento acompañadas por monitores e monitoras ao longo de todo o percorrido e terán un coche de apoio para calquera imprevisto que puidese xurdir. A cada participante entregáraselle ao inicio da etapa un distintivo que deberá levar ao longo de todo o percorrido.

Todas/os as/os que queiran participar poderán inscribirse indicando o lugar de incorporación a través do correo electrónico: cim@santiagodecompostela.gal, ou chamando ao número de teléfono 608 609 645.

A estas actividade hai que sumar tamén a exposición fotográfica Así é como vivo, que reflicte en 10 paneis fotográficos o estado no que quedan os fogares nos que se dan situacións de violencia de xénero. Esta mostra foi percorrendo diversos centros educativos e socioculturais ao longo do ano. Agora péchase no Centro Sociocultural de Cornes, onde estará do 26 de novembro ao 14 de decembro.

Gran lazo violeta
O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego tamén preparou unha actividade de participación cidadá, neste caso o martes 27 de novembro, a partir das 11:00 horas.

Nesta acción de concienciación e sensibilización poderán participar todos os e todas as cidadás que se acheguen á avenida Xoán XXIII para colaborar na formación dun gran lazo violeta composto por máis de 1.000 flores artesanais. Quérese simbolizar así a implicación e a unión da cidadanía en contra desta realidade.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: