TURISMO

Santiago de Compostela promocionou a súa gastronomía en Barcelona

22/11/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou en Barcelona nunha das accións de promoción gastronómica que o Grupo de Cidades Patrimonio está a realizar dentro do programa de actividades de celebración do 40º aniversario da Convención do Patrimonio Mundial.

As accións, coordinadas por Turismo de Santiago, consisten nunhas catas dinámicas dunha mostra de produtos seleccionados entre os mellores queixos, viños e aceitas das cidades. O cociñeiro recomenda posibles maridaxes e comparte cos asistentes cinco receitas orixinais, que se degustan posteriormente.

Os asistentes ás presentacións, xornalistas gastronómicos e de viaxes, reciben unha guía de cata con imaxes e unha descrición técnica de todos os produtos e das receitas degustadas, así como un pack gastronómico de obsequio. A primeira acción, á que asistiu Reyes Leis, celebrouse no Palau Moxó de Barcelona. A segunda, na Casa de Galicia de Madrid, terá lugar o 28 de novembro.

O cociñeiro encargado de dirixir as catas, elaborar as receitas e comentar os produtos é o galego Francisco Piñeiro, Premio Nacional de Gastronomía "Salvador Gallego" 2011 – 2012, chef executivo de Benboa Corrubedo, un proxecto sustentable de mercado con cociña baseada no produto galego e coordinador do libro solidario Sabor a vida, elaborado por doce cociñeiros, que doan toda a recadación a Asociación Española Contra o Cancro.

O produto que representa a Santiago é o Queixo Tetilla "Tres Pazos", de Queserías del Ulla. Os queixos desta empresa de Vedra foron recoñecidos entre os tres mellores queixos de Galicia en varias ocasións na cata anual de queixos de Galicia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla.

Os produtos e cidades representadas son: Alcalá de Henares (viño), Àvila (queixo); Cáceres (queixo); Córdoba (aceite), Cuenca (viño); Ibiza (viño); Mérida (aceite); Salamanca (viño); Santiago de Compostela (queixo); Segovia (viño); Tarragona (aceite) e Toledo (aceite).

Compartir: