XUNTA DE GOBERNO

Novo procedemento para contratar a explotación do quiosco da Alameda

22/11/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o inicio dun novo procemento para contratar a explotación dun bar-cafetería no quiosco da Alameda. Ademais, aprobáronse os proxectos de reurbanización da rúa de San Pedro e de reparación de firmes e pavimentos en varias rúas do Ensanche.

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, explicou que o anterior prego para a explotación dun bar-cafetería no quiosco do paseo alto da Ferradura, na Alameda, o que tiña máis peso era a oferta económica. Agora, atendendo ao informe da Oficina da Cidade Histórica e de Rehabilitación (OCIHR), anúlase este prego e apróbase outro no que adquire máis peso o proxecto técnico e arquitectónico.

A cafetería poderá ter unha extensión de 120 metros cadrados, terrazas incluídas, e o adxudicatario deberá aboar ao Concello unha taxa de ocupación da vía pública anual de 10.454 euros. Tamén terá que pagar un canon fixo de 2.400 euros, eliminándose no novo prego a variable sobre os ingresos da cafetería. A empresa deberá destinar un mínimo de 183.000 euros á construción do edificio e de 28.979 euros ao mobiliario. A concesión realizarase por un prazo de 20 anos.

Reurbanización de San Pedro
O Goberno local tamén deu o visto bo ao proxecto de reurbanización da rúa de San Pedro, por importe de 486.000 euros, e ás obras de reparación de firmes e pavimentos en varias rúas do Ensanche: Alfredo Brañas, Rapa da Folla, Frei Rosendo Salvado e San Pedro de Mezonzo (tramo República Arxentina-A Rosa). Esta actuación terá un orzamento de 218.000 euros.

Mantemento do parque de Salgueiriños
Outro dos acordos foi a apertura do procedemento de contratación do servizo de conservación e mantemento do parque de Salgueiriños, reservado a centros especiais de emprego por un importe de licitación total de 100.000 euros. Paula Prado explicou que se incrementa o prezo de licitación ao incorporar ao servizo as novas zonas verdes da zona.

Á auga patos
Na sesión tamén se aprobou a realización do programa Á auga patos, das Concellerías de Deportes e de Educación, para 350 rapaces (250 de colexios e 100 de entidades sociais). Tamén no ámbito deportivo, ratificouse a sinatura dun convenio para a cesión do mantemento dos campos de fútbol de Marrozos e Grixoa ás súas respectivas asociacións veciñais.

Plan de Competitividade Turística
O Goberno local deu o visto bo ao convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para o desenvolvemento do Plan de Competitividade Turística por importe de 143.000 euros (115.000 achegados pola Deputación e, o resto, polo Concello). Tamén se realiza a encomenda de xestión a Incolsa.

Subvencións culturais
No ámbito cultural, deuse conta da sinatura de diversos convenios reguladores de subvencións nominativas a entidades de carácter cultural: Asociación Cultural Cidade Vella, 10.200 €; Casa da Troia, 4.000 €; Fundación Rosalía de Castro, 4.250 €; Música en Compostela, 4.250 €; Federación de Libreiros de Galicia, 4.250 €; Real Sociedade Económica de Amigos do País, 6.000 €; Asociación Cultural-Musical Solfa, 4.250 €; Asociación do Traxe Galego, 4.250 €; Conservatorio de Música Tradicional e Folque, 10.000 €; Ateneo de Santiago, 1.700 €.

Licenzas
Finalmente, no capítulo de licenzas, a voceira destacou a outorgada ao Consorcio para a rehabilitación e ampliación da edificación tradicional existente na rúa de Ponte Pedriña de Arriba, destinada ao Centro Nacional de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción. Tamén mencionou a licenza de apertura concedida á Universidade de Santiago para o Centro de Investigación de Biomedicina Experimental (rúa de Antonio Rama).

Documentos relacionados



Compartir: