MULLER

O Concello conmemorará o Día contra a Violencia de Xénero cunha andaina solidaria e actividades dirixidas aos escolares

22/11/2012 O 25 de novembro celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con este motivo, a Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza unha serie de actividades. O seu obxectivo é condenar a violencia de xénero, concienciar e sensibilizar sobre a súa erradicación e promover a empatía e a autoestima para tomar partido en contra da violencia cara as mulleres.

"E digo si, e digo non" é o lema que aglutina as accións preparadas para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que serve para recordar e render unha homenaxe a todas as mulleres que morreron vítimas de maltrato e ás que aínda o están a sufrir. Os actos, presentados en rolda de prensa pola concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, teñen como un dos días sinalados o domingo 25 de novembro coa celebración da segunda edición do Camiño Solidario. Partirá dende a praza de Lavacolla ás 10:0 horas, pasando polo Monte do Gozo ao redor das 11.30 horas para incorporar aquelas persoas que o desexen (o punto de encontro será a praza da fonte). Unha representación do Concello acompañará o grupo ata a praza do Obradoiro, onde se levará a cabo unha concentración multitudinaria.

As persoas participantes estarán en todo momento acompañadas por monitores e monitoras ao longo de todo o percorrido e terán un coche de apoio para calquera imprevisto que puidese xurdir. A cada participante entregáraselle ao inicio da etapa un distintivo que deberá levar ao longo de todo o percorrido.

Todas/os as/os que queiran participar poderán inscribirse indicando o lugar de incorporación a través do correo electrónico: cim@santiagodecompostela.gal, ou chamando ao número de teléfono 608 609 645. A día de hoxe xa hai máis de 40 persoas inscritas.

"E digo si, e digo non"
Como complemento a esta actividade, preparouse a denominada "E digo si, e digo non", dirixida a todos os colexios de educación infantil e primaria do municipio. Con esta acción preténdese que os nenos e nenas realicen a súa propia silueta, e á igualdade, á confianza e á negociación; e o seu "E digo non" na cara negra, como rexeitamento á intimidación, ás ameazas, ao dominio e ao control.

Os rapaces viñeron realizando estes perfís nos seus colexios, e este venres, 23 de novembro, levaranos á praza do Obradoiro, onde se montará todo un tendal, mostrando a solidariedade coas mulleres, nenos e nenas que sofren malos tratos e o rexeitamento que a sociedade debe mostrar cara á violencia de xénero.

Como complemento de esta actividade, aos nenos e nenas maiores (últimos cursos de primaria) déuselles unha pequena charla sobre "Roles e estereotipos"; e aos máis cativos (infantil e primeiros cursos de primaria) narraráselles o conto "O monstro que vive na miña casa" (infantil e primeiros cursos de primaria). Esta actividade veuse realizando nos centros educativos durante todo o mes de novembro.

No acto do Obradoiro, gardarse un minuto de silencio en memoria das mulleres que morreron vítimas da violencia machista.

A estas actividades hai que sumar tamén a exposición fotográfica "Así é como vivo", que reflicte en 10 paneis fotográficos o estado no que quedan os fogares nos que se dan situacións de violencia de xénero. Esta mostra foi percorrendo diversos centros educativos e socioculturais ao longo do ano. Agora péchase no Centro Sociocultural de Cornes, onde estará do 26 de novembro ao 14 de decembro.

Gran lazo violeta
O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego tamén preparou unha actividade de participación cidadá, neste caso o martes 27 de novembro, a partir das 11:00 horas.

Nesta acción de concienciación e sensibilización poderán participar todos os e todas as cidadás que se acheguen á avenida Xoán XXIII para colaborar na formación dun gran lazo violeta composto por máis de 1.000 flores artesanais. Quérese simbolizar así a implicación e a unión da cidadanía en contra desta realidade.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: