EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE

Arte contemporánea en conxunción coa natureza no parque da Alameda

22/11/2012 As concelleiras de Educación, Rebeca Domínguez, e de Medio Ambiente, María Castelao, participaron na actividade Land Art, organizada polo CEIP Pío XII na Alameda.

O Land Art é unha tendencia da arte contemporánea que emprega o marco e os materiais da natureza. Moitas destas obras de "arte da terra" desaparecen, porque se atopan expostas no exterior e sometidas á erosión natural, quedando delas tan só o recordo fotográfico.

O obxectivo destas intervencións é producir emocións plásticas no espectador, alterar cun sentido artístico a paisaxe para provocar os máximos efectos e sensacións ao observador. Queren reflectir a relación entre o home e a terra, o medio ambiente e o mundo.

A principal técnica do artista Land Art é a instalación na paisaxe. Neste caso do CEIP Pío XII desvirtuouse un pouco esta técnica, xa que a idade dos artistas – de 3 a 6 anos- así o requiría. Así, nunha primeira visita ao espazo escollido, a Alameda, os rapaces recollen materiais (follas, landras, paus, pedras...) para levar á aula e que serven para desenvolver un proceso de observación e exploración das súas cualidades, así como de experimentación ao transformalos. Os artistas contemporáneos que empregan como referentes neste colexio son Andy Goldsworthy e Richard Schilling.

Compartir: