CULTURA

A exposición "Unidos pola arte" recolle por primeira vez o patrimonio pictórico do Concello e do Consorcio de Santiago

21/11/2012 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, inaugurou a exposición Unidos pola arte. Colección de pintura do Concello de Santiago de Compostela e do Consorcio de Santiago, que agrupa no Auditorio de Galicia unha boa parte do patrimonio pictórico do Concello e do Consorcio de Santiago.

Esta é a primeira vez que unha exposición reúne nun mesmo lugar cadros que normalmente se localizan en diferentes espazos: na sede do Concello, no Pazo de Raxoi; na sede do Consorcio, na Casa de Vaamonde; no Auditorio de Galicia; no Museo do Pobo Galego e no Teatro Principal. Son preto de sesenta pinturas que abranguen un período comprendido entre o século XVIII e a actualidade, e son representativos de diferentes épocas e correntes pictóricas. A mostra poderá visitarse en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas todos os días.

A máis antiga peza exposta é un Martirio de San Bartolomé que, probablemente, date de finais do século XVIII e que se considera o cadro máis antigo do Concello de Santiago. Ademais poderemos ver outras pezas antigas como a Aparición da Virxe do Pilar ao Apóstolo Santiago (Mariano Salvador Maella, 1780) e obras de Dionisio Fierros, José Garabal Louzao, Joaquín Sorolla ou Ramón Gil Rey, entre outros.

A exposición articúlase en cinco seccións que abranguen diferentes períodos pictóricos: As orixes da colección; A Escola Compostelá de Pintura e o Grupo Mateo; As exposicións trienais de 1971 e 1974; O Grupo Nome; e A continuidade da colección. Ademais das obras máis antigas, recollidas en As orixes da colección, a mostra inclúe un apartado dedicado á Escola Compostelá de Pintura, creada por Mariano Tito Vázquez, á que pertenceron, entre outros, Elvira Santiso, Juan Luis López, Lino Martínez Villafínez, Manuel López Garabal e Concha Vázquez Martínez. En 1964, parte destes artistas, entre os que se atopan o matrimonio Manuel López Garabal e Concha Vázquez xunto con Felipe Criado, Manuel Pesqueira, Segundo Hevia e Antonio Moragón, forman o grupo denominado "Mateo".

Outra sección recolle unha selección de obras que participaron na I Exposición Trienal Nacional de Bellas Artes, que se organizou co gallo do Ano Santo de 1971, e na II Exposición Trienal Nacional de Pintura, Escultura, Dibujo y Acuarela y Grabado, en 1974, ambas celebradas en San Domingos de Bonaval.

O cuarto apartado reúne pezas do coñecido como Grupo Nome, que se presentou en Pontevedra en 1986 coa intención de atopar un lugar na plástica galega e deste xeito abrirse ao universo artístico e saír da marxinalidade periférica que sufrían respecto aos circuítos oficiais. Nesta sección podemos contemplar creacións de Xosé Bibián Lorenzo, Anselmo Lamela Castro, Xosé Ramón Morquecho, Xulio Maside e Xan Pardiñas.

A última sección, A continuidade da colección, está dedicada ao Consorcio de Santiago, institución nacida en 1992 e que dende as súas orixes foi depositaria de non poucas obras de arte, co obxectivo de crear un patrimonio artístico propio que contribúa a facer partícipes da cultura viva aos cidadáns, visitantes, peregrinos e turistas, para converter Santiago nun foro cultural de primeira orde.

Esta exposición está organizada polo Concello de Santiago de Compostela contando coa colaboración do Consorcio de Santiago e coa xestión do Auditorio de Galicia. Conta co mecenado da Deputación da Coruña e está comisariada por Juan Conde Roa.

Compartir: