ALCALDÍA

A Comisión de Coordinación de Seguridade reunirase con maior periodicidade

21/11/2012 A Xunta Local de Seguridade celebrou unha nova reunión, copresidida polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán Castro. Na xuntanza acordouse dar maior periodicidade á Comisión de Coordinación de Seguridade e constatouse que os índices de criminalidade seguen estando nos mesmos baixos parámetros de anos anteriores.

Tras a reunión, convocada ante o "repunte de actos delictivos" do mes de outubro, o alcalde indicou que os datos demostran que os índices de criminalidade seguen nos parámetros de anos anteriores e mesmo son inferiores. Así o corroborou o subdelegado do Goberno, quen cifrou esa redución dos delitos a estas alturas de ano nun 2%.

Analizados os datos, Ángel Currás reiterou que "podemos estar tranquilos", porque "Santiago segue sendo unha cidade segura". Sobre o incremento de delitos rexistrado en outubro, dixo que se tratou dunha situación "xa controlada". De feito, Jorge Atán explicou que este aumento dos furtos se debía a "unha única persoa, agora detida".

O rexedor municipal constatou os froitos que segue dando a colaboración entre os distintos corpos policiais e, nesa liña, acordouse que a Comisión de Coordinación de Seguridade se reúna cunha frecuencia maior. Desta Comisión forman parte a Policía Local, a Garda Civil, a Policía Autonómica e a Policía Nacional.

Documentos relacionados



Compartir: