CONSORCIO

Guía botánica para descubrir as plantas dos muros históricos de Compostela

19/11/2012 O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos colaboran na publicación do libro La ciudad donde las piedras florecen, de José Antonio Díaz Peromingo. Trátase dunha guía botánica sobre as plantas que habitan os muros de pedra na cidade de Santiago.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Ángel Currás, presidiu no Museo das Peregrinacións a presentación desta obra, a primeira destinada a descubrir esas plantas que —emerxendo da pedra como da nada— florecen espontáneas nos muros históricos da cidade de Santiago. O libro, que acaba de saír ao mercado, xa está dispoñible nas principais librerías. Móstranos como identificar e localizar as 50 plantas con flores máis representativas de once muros históricos de Compostela (Conxo, San Lourenzo, Belvís, San Francisco, Hostal dos Reis Católicos, Raxoi, Santa Clara, Mazarelos, Mercedarias, Bonaval e Colexiata do Sar).

O doutor José Antonio Díaz Peromingo é especialista en Botánica e levou a cabo, durante dous anos, un intenso traballo de campo do que xurdiu esta sorprendente, didáctica e atractiva obra. Cada ficha inclúe os datos básicos da flor silvestre, as súas denominacións populares en castelán e en galego, a localización na cidade e unha fotografía. Tamén conta cun apartado de curiosidades e un breve dicionario botánico.

O título do libro procede do texto que o escritor colombiano e Premio Nobel de Literatura Gabriel García Márquez escribiu sobre este fenómeno da capital de Galicia: "Y uno se encuentra a cada paso, como la cosa más natural del mundo, con el milagro de las piedras florecidas", afirmou, abraiado, tras a súa visita a Santiago de Compostela na primavera de 1983.

Peromingo naceu na Pobra de Trives (Ourense) en 1966. Licenciouse en Medicina e Bioloxía —na especialidade de Botánica— na Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, especializouse en Medicina Interna, eido onde exerce a súa vida laboral.

Compartir: