URBANISMO

Publicada a nova convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas dos ARI

19/11/2012 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de hoxe luns publica a nova convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas nas áreas de rehabilitación de integral (ARI) de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico. No caso de Vista Alegre, as axudas permitirán que se poñan en marcha outros seis proxectos de instalación de ascensores, co que serán xa 11 os bloques que conten con esta mellora da accesibilidade.

As cantidades destinadas nesta convocatoria a Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico son de 960.000, 340.000 e 580.000 euros, respectivamente. Estes importes distribúense en todos os casos en tres anualidades (2013, 2014 e 2015).

Cómpre salientar que se manteñen os importes das axudas no caso de Vista Alegre e Pontepedriña, mentres que no Casco Histórico se produce un incremento das porcentaxes de subvención, que serán dun 50, 60 ou 70 por cento do orzamento protexido para as obras nas vivendas, dependendo do nivel de ingresos familiares, e de entre un 40,5 e un 63 por cento no caso de elementos comúns, dependendo do nivel de catalogación. Este orzamento protexible inclúe todo sos gastos necesarios, agás os financeiros.

Os límites máximos están nos 20.000 euros por vivenda en Vista Alegre en os 13.300 euros en Pontepedriña. No Casco Histórico dependerá dos metros cadrados da vivenda e do nivel de catalogación.

Ademais, os que así o desexen, poden solicitar o recoñecemento a obter un préstamo convido con determinadas entidades financeiras polo importe entre a diferenza do orzamento subvencionable e a subvención. Estas axudas son incompatibles coas do Plan RENOVE e os solicitantes tampouco pode ter recibido axudas polas mesmas actuacións nos últimos dez anos.

O prazo de solicitude será en Vista Alegre dun mes dende a publicación da convocatoria no BOP. En Pontepedriña e Casco Histórico, o período de solicitude rematará o 31 de decembro de 2012.

Estas obras nos edificios comprendidos nunha ARI teñen como finalidade xeral mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas e a seguridade estrutural e funcionalidade dos inmobles. A propósito destas obras, no caso de Vista Alegre, aos dous ascensores xa instalados e aos tres en proceso, se sumarán, grazas á nova convocatoria, outros seis. Así serán xa 11 bloques de vivendas dos 31 existentes os que contarán con ascensores.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: