CINEUROPA

Cineuropa premia o cine rupturista e explorador da condición humana do director portugués Pedro Costa

16/11/2012 O concelleiro de Relacións Institucionais, Participación Cidadá, Centros Socioculturais e Festas, Francisco Noya, entregou o Premio Cineuropa ao cineasta portugués Pedro Costa. A cerimonia completouse coa estrea en España do filme Centro Histórico, dirixido polo propio Pedro Costa e por Víctor Erice, Aki Kaurismaki e Manoel de Oliveira.

Cineuropa quixo recoñecer a traxectoria de Pedro Costa como cineasta ligado a un cinema irredento, de captación da natureza humana sen rede, da autenticidade espida. A caída do cabalo do Pedro Costa, novo cineasta, fillo de cineasta, que pasa de militar no movemento punk a descubrir o barrio de Fontainhas, the other half. Esa parte da vida dun Portugal dual, ese salto alén, onde nunca depositaría a súa mirada un bempensante. Pedro Costa descobre e descóbrenos ese espazo no seu retrato do cuarto dunha moza drogadicta, Vanda, e a súa irmá Zita.

Para entender a Pedro Costa, convertido non sei se ao seu pesar, en abandeirado dunha idea do cinema que confronta con calquera artificio e en coloso das vangardas desde hai case vinte anos, fronte ao cinema vulgar, obsequioso co público, hai que remontarse a cando filma en 1997 Ossos, no lisboeta barrio de Fontainhas, e se ve a si mesmo como un colonizador, con toda a panoplia dun equipo de rodaxe no medio da nudez e a miseria, a extrema pobreza á que era imposible achegarse con toda aquela blindaxe técnica.

Daquela Pedro decide comprar unha cámara de vídeo. E con ela filma a Vanda, e á súa irmá Zita, na austeridade máxima dun cuarto. E No cuarto da Vanda convértese axiña no cinema que toda unha xeración de críticos, de directores novos, parece entender como o máis depurado.

Pedro Costa, e a súa mitificación malgre lui, chegan ao apoxeo con Juventude en marcha. É a película que máis impactou a tantos cinéfilos ávidos de imaxes sen impostura. E esa onda de recoñecemento levou Juventude en marcha á sección oficial de Cannes.

O mito deste iconoclasta seguiu medrando. A súa cosmogonía do barrio lisboeta de Fontainhas é un deses territorios que están xa no nivel dos espazos gañados de maneira seminal para a arte do noso tempo, como sucede con Faulkner ou con Ford.

Pedro Costa, por vocación, detestaría ser símbolo ou emblema de nada. Pero o seu cinema, a súa mirada, que pode ir de Ozu a Straub ou Godard, é, inevitablemente tomado como ariete de quen buscan nas imaxes, na arte visual, unha viaxe cara á fondura da condición humana nos seus estados máis precarios, que ás veces son tamén os invencibles. Desde o silencio, desde o plano que non cesa, Pedro Costa fai a revolución da verdade. E é un privilexio poder lograr que en Cineuropa se faga ese silencio para recibir na súa homenaxe un dos autores imperecedeiros e universalmente tomado como punto de referencia por quen non queren deixarse enganar pola fábrica de soños e prefiren manterse en vixilia queda, calma, coma unha imaxe do cuarto de Vanda. Como toda a obra deste rupturista radical coas formas do consuetudinario, do establecido.

Compartir: