PREMIO

O espectáculo 3D dos Fogos do Apóstolo 2012 recibe o premio ao mellor evento cultural europeo

16/11/2012 O espectáculo realizado pola empresa GPD nos Fogos do Apóstolo de 2012 obtivo o premio ao mellor evento cultural europeo. A montaxe conseguiu ata seis premios nos European Events Awards, cuxa cerimonia se celebrou na noite de onte en Milán.

O evento, que serviu para conmemorar o VIII centenario da Catedral de Santiago, remontábase ás orixes da cidade de Compostela e á chegada dos restos do Apóstolo para, a través dun despregamento de medios técnicos, contar a historia da Catedral, destruíla e reconstruíla para mostrar a evolución das distintas igrexas que se foron sucedendo ata a súa culminación estética no Pórtico da Gloria.

A partir de aquí, co fondo dun ceo iluminado pola Vía Láctea, contábase a historia das peregrinacións e das catedrais que marcan o Camiño de Santiago, que nos conducen de novo á Catedral, onde asistimos á reconstrución virtual da fachada barroca e a un percorrido efectista e espectacular polo interior do templo, seguindo as oscilacións do Botafumeiro.

Como peche do espectáculo, a Catedral cobrou vida, converténdose nun órgano xigante mostrando o seu máximo esplendor, intensificando todos os recursos estéticos e técnicos. Os lumes artificiais, que acompañaron o espectáculo integrados dende o inicio como parte do argumento, tomaban a partir de aquí todo o protagonismo e culminaron nun espectacular fin de festa.

Compartir: