BENESTAR SOCIAL

O equipo Urbana Santiago Norte inicia unha campaña de Nadal de recollida de xoguetes

16/11/2012 Coa chegada do Nadal, o Equipo Urbana Santiago Norte - Servizos Sociais pon en marcha unha campaña co obxectivo de recoller xoguetes para alegrar estas datas aos nenos e das nenas máis desfavorecidos/as da área incluída programa Urbana. A iniciativa leva por título Compar-T un xoguete.

Ata o vindeiro 21 de decembro, o Equipo Urbana recollerá xoguetes novos ou usados en bo estado, para que os nenos e nenas das familias cunha situación económica máis deprimida, poidan sorrir e vivir as datas do Nadal igual que o farán outros/as nenos/as cunha situación máis favorable. O punto habilitado para a recollida de xoguetes, a onde se poderán dirixir todas aquelas persoas que desexen colaborar con esta campaña será a Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), situada na rúa Manuel María, 6 (Salgueiriños). Para máis información, o Equipo Urbana habilitou un correo electrónico: comparteunxoguete@gmail.com

O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte - Servizos Sociais solicita a colaboración da poboación en xeral, lembrando que o xogo é un dos dereitos recollidos na Carta de Nacións Unidas dos Dereitos do Neno, e que os xogos e xoguetes non só entreteñen e divirten, senón que tamén contribúen ao desenvolvemento físico e intelectual dos nenos e das nenas, e que privarlles deles é un paso atrás na súa formación.

Pero esta campaña de recollida de xoguetes 2012 non só pretende axudar aos nenos e nenas máis desfavorecidos/as. Tamén pretende fomentar a sociabilidade, a solidarizade e a concienciación da poboación.

Os xoguetes e xogos recollidos nesta campaña entregáranse o día 3 de xaneiro aos pais e ás nais que previamente o solicitaran ata o día 21 de decembro.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: