NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Santiago acollerá en maio a final galega da segunda edición do Club de Debate

16/11/2012 O Club de Debate é un programa de promoción do uso da lingua que organizan conxuntamente os servizos de normalización lingüística de varios concellos. Co fin de por en marcha a segunda edición desta iniciativa, asinouse en Raxoi unha addenda ao protocolo de colaboración xa existente, no que participan os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.

Asinou polo Concello de Santiago a edil de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez. Acompañárona na sinatura os alcaldes e Carballo, Evencio Ferrero; Cee, Zaira Rodríguez; Rois, Ramón Tojo; e os concelleiros de Normalización Lingüística de Ames, Eugenia Martín; Ferrol, José Manuel Vilariño; Ourense, Ana Garrido; Pontevedra, Demetrio Gómez; Teo, Carme Hermida; e Vigo, Manuel Pérez.

Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsabilidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo

Torneo por equipos
O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.

Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de Bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.

Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: "O galego é unha oportunidade" e queda fixado na addenda asinada.

Novas incorporacións
Este documento recolle tamén as incorporacións dos concellos de Ourense e Cee, que non participaron na edición anterior, o calendario das diferentes fases da competición e a cidade sede da final galega que, nesta ocasión será Santiago de Compostela, o 4 de maio.

En función do número de equipos que se inscriban (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organizaranse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.

O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: