PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Novas rutas didácticas do programa "Cultura Viva. Fai túa Compostela"

16/11/2012 Continúa o programa educativo de rutas didácticas pola cidade e as parroquias Cultura Viva, Fai túa Compostela, promovido pola Concellaría de Centros Socioculturais e Participación Cidadá. Os próximos itinerarios teñen como protagonistas o barrio de San Pedro, os espazos de arte e a auga.

Este sábado 17, realizarase o itinerario titulado "O barrio de San Pedro", unha ruta circular por un dos barrios históricos máis importantes de Santiago. O punto de saída será o Centro Sociocultural da Trisca, ás 11:00 horas.

A seguinte ruta do programa desenvolverase o mércores 21 de novembro baixo o título "Espazos de arte II", con visita a diferentes espazos de creación artística contemporánea da cidade, para rematar coa compaña dun personaxe senlleiro de Santiago no Local Sociocultural da Caramoniña, na rúa do mesmo nome. Punto de saída: Porta do Camiño (ao carón da fonte), ás 18:00 horas.

E xa o sábado 24 de novembro, a ruta "A auga en Compostela I" ofreceranos unha visión do percorrido da auga, mostrando as pegadas das antigas obras de enxeñería que forman parte da paisaxe dos barrios da cidade. Os participantes sairán do Centro Sociocultural das Cancelas (rúa das Cancelas, 19) ás 11:00 horas.

Os veciños e veciñas interesadas en participar nas rutas didácticas deste programa poden inscribirse presencialmente ou por telefono nos centros socioculturais tanto en horario de mañá como de tarde. O programa pode descargarse nesta web.

Compartir: