XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o reparto de 198.000 euros entre 49 clubs federados

15/11/2012 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou o reparto das subvencións ao deporte federado, por un importe total de 198.000 euros, así como as destinadas ás asociacións veciñais, cun reparto final de 71.596 euros.

Son 49 os clubs federados que recibirán estas subvencións, que teñen por obxecto financiar, en parte, os gastos derivados da realización das actividades deportivas destes clubs nas competicións nas que estean inscritos. Son susceptibles de ser subvencionados conceptos como o pagamento de licenzas federativas e de mutualidade, gastos de desprazamento e manutención, arbitraxes, compra de material deportivo, lavandaría, gastos de persoal, aluguer de instalacións para adestramento ou competición, gastos médicos ou pagos de inscrición en probas e seguros.

Subvencións veciñais
No caso das subvencións veciñais, son 43 as entidades que finalmente recibirán a axuda. De todas, 24 terán a subvención máxima posible, 2.000 euros. Nesta convocatoria incrementouse a partida para estas axudas dos 55.000 aos 72.000 euros (un 30% máis), de tal xeito tamén que a subvención máxima pasou dos 1.355 aos 2.000 euros.

Transporte urbano pola estación de ferrocarril
Ademais, e tal como anunciara o concelleiro de Mobilidade, aprobouse o convenio de colaboración con ADIF para o acceso dos autobuses urbanos ao recinto da estación de ferrocarril. Deste xeito, a liña 6 terá parada no recinto, mellorando así a intermodalidade.

Fondos decomisados
Finalmente, deuse conta da solicitude por parte da UMAD dunha subvención a cargo dos fondos decomisados nas operacións antidroga. Pídese unha achega de 100.568 euros para un programa de prevención e de lecer alternativo. O Concello contribuiría ao proxecto con 43.100 euros.

Documentos relacionados



Compartir: