CULTURA

Continúa o programa de Cineuropa Concerto con Cats & Monkeys na Zona C

14/11/2012 O programa Cineuropa Concerto continúa coas súas actividades. O xoves 15 poderemos escoitar aos Cats & Monkeys nun concerto enmarcado tamén dentro do ciclo Compostela Rock. Será a partir das 21:30 horas na Zona C de Bonaval. As entradas, 6 € (+gastos) anticipada e 8 € o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Principal (aberta dende as 15:00 horas), en Ticketea, A Reixa Tenda e, na Zona C, o día do concerto aberta dende as 18:00 horas.

Nado a finais do 2009, Cats and Monkeys reúne un elenco de músicos de moi diversas influencias que conflúen no funk, no r'n'b e no acid-jazz. A proposta de Cats and Monkeys intercala clásicos do funk e o soul con temas de nova factura sempre co denominador común da música negra de baile.

Ao longo destes anos, e tras percorrer toda a xeografía galega, nos seus directos son recoñecidos xa coma a banda de referencia do funk/soul en Galicia. Dez músicos que flúen no acompañamento da privilexiada voz da súa frontman, No González.

Cats and Monkeys busca en cada concerto a complicidade e partición do público para levar a cabo un espectáculo que non deixe a ninguén indiferente.

Máis Cineuropa Concerto
Despois de Cats&Monkeys teremos a Micah P. Hinson&The Juniors Arts Collective+Timber Timbre o domingo 18 na Sala Capitol e a seguinte cita será moi especial: a colaboración da Real Filharmonía de Galicia con Cineuropa nun concerto o xoves 22 no Auditorio de Galicia, coa proxección de Nosferatu.

Despois chegará Kiko Veneno o venres 23 na Sala Capitol; e o sábado 24 teremos no Teatro Principal o concerto de Najwa Nimri, premiada en Cineuropa nesta edición. O mércores 28, The Winning Numbers ofrece un concerto na Zona C e pecha o programa de Cineuropa, tamén na Zona C, Julio de la Rosa.

Compartir: