ALCALDÍA

Compromiso do alcalde cos veciños de Nemenzo para acondicionar o campo da festa da parroquia

14/11/2012 O alcalde compostelán reuniuse coa Asociación de Veciños Monte de Nemenzo, encabezada polo seu presidente, Jorge Gigirey. Os representantes veciñais expresáronlle a Ángel Currás as principais demandas da parroquia.

Nesta reunión, o alcalde comprometeuse cos veciños de Nemenzo a facer as xestións necesarias para acondicionar o campo da festa da parroquia antes das vindeiras festas patronais, previstas para setembro de 2013. Así, o Concello vai solicitar ao Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL) a cesión dunha masa común e unha subvención para esta actuación.

Ademais do alcalde, participaron na xuntanza os concelleiros de Medio Rural, Luis Bello, e de Participación Cidadá, Francisco Noya. Co primeiro trataron cuestións como os desbroces ou os arranxos nas pistas das parroquia, mentres que Noya informou á Asociación da subvención que lle foi concedida neste exercicio, 1.440 euros, maior que a de 2011. Tamén se informou aos veciños sobre o programa de conciliación do Nadal, xa que o local sociocultural da parroquia será un dos que conten co mesmo. O concelleiro reunirase igualmente cos representantes veciñais co fin de acordar a mellor ubicación para o arco luminoso do Nadal.

Da reunión tamén saíu o compromiso municipal de estudar o posible arranxo do retablo do altar maior da igrexa parroquial.

Compartir: