CULTURA

Xornadas da francofonía en Santiago de Compostela

12/05/2006 A Concellaría de Cultura colabora nas primeiras Xornadas da francofonía en Santiago de Compostela, que se celebrarán os días 15 e 16 de maio na Aula de Cultura de Caixa Galicia. O programa do evento, iniciativa da Embaixada de Francia en España, inclúe diversas actividades de carácter académico, cultural e lúdico.

As actividades académicas terán lugar a partir das 19:00 horas do luns 16 e contarán coa participación de Thierry Frayssé, cónsul de Francia, e de Adelino Braz, agregado de cooperación da Embaixada de Francia, que pronunciará unha conferencia que leva por título "A francofonía: unha filosofía da lengua francesa". Pola súa parte, o escritor David Foenkinos falará de "Como cegar a ser escritor".

O martes, a partir das 13:00 horas, celebrarase na Praza de Praterías unha clase de francés con xogos e música e, xa pola tarde, de novo no local de Caixa Galicia, proxectarase o filme "Madame Brouette", do director senegalés Moussa Sene Absa.

Estas actividades complétanse coa exposición de traballos de creación sobre a francofonía por parte dos estudantes galegos de francés de distintos niveis e institucións. Ao remate do filme, procederase á entrega de premios aos traballos máis salientables.

O francés, dende o punto de vista xeopolítico é a segunda lingua internacional: ademais de lingua de traballo na ONU e na UNESCO, é a lingua da administración e do ensino en máis de cincuenta estados. Na Unión Europea o francés e o terceiro idioma máis falado. En Galicia, segundo o Instituto Galego de Estatística, algo máis do 17% da poboación pode expresarse en francés (no conxunto de España é un 12%), o que a converte na segunda lingua estranxeira máis estudada.

Compartir: