BENESTAR SOCIAL

A Axencia Local de Colocación xestionou un terzo dos postos de traballo ofertados polo novo centro comercial das Cancelas

13/11/2012 O Servizo de Intermediación Laboral da Axencia Local de Colocación, xestionou 509 ofertas de traballo formuladas por 40 das empresas que se instalaron no Centros Comercial As Cancelas. Dende a súa posta en marcha, a Axencia xestionou 858 ofertas laborais.

A concelleira de Traballo, Paula Prado, deu conta destes datos a dous días da apertura do novo Centro Comercial As Cancelas. A Axencia Local de Colocación contactou con 80 das empresas finalmente instaladas na superficie comercial. Destas, 40 confiaron na Axencia para que xestionara 509 ofertas laborais, aproximadamente un terzo das 1.500 que se estima que finalmente ofreceu o centro.

A Axencia recibiu un total de 30.626 currículos, dos que finalmente remitiu 3.427 cos perfís axeitados para os postos demandados. Ademais, cedeu os seus equipamentos, por 1.838 horas, para formación, entrevistas, etc.

A estas ofertas xestionadas dende a Axencia Local de Colocación hai que engadir as derivadas da II Feira Internacional de Emprego. As 50 empresas participantes ofreceron 298 postos de traballo, para os que se recibiron 4.842 currículos, dos que finalmente se remitiron 1.931 cos perfís axeitados aos postos.

Estes datos compleméntanse co traballo do día a día da Axencia, sumando outras 26 empresas e 45 postos de traballo. Neste caso, os currículos recibidos foron 3.972 e os finalmente remitidos, 459.

Deste modo, dende a posta en marcha da Axencia Local de Colocación xa foron 116 empresas as que confiaron nos procesos de recrutamento do Concello de Santiago, con 852 postos de traballo aos que se postularon 39.450 currículos. Destes, 5.817 foron escollidos para procesos de selección.

Na súa comparecencia, a concelleira tamén salientou o alto número de visitas rexistradas polo portal web da Axencia, consolidándoo como "un dos recursos para a busca de emprego máis importante da cidade". Dende a súa posta en marcha en xullo, coincidindo coa celebración da Feira de Emprego, a web recibiu 109.701 usuarios distintos, que realizaron 236.171 visitas.

Rexistráronse 2.169.799 consultas e 8.298.813 interaccións (descarga de boletíns, consulta e inscrición en ofertas, etc). Como outros datos significativos, Paula Prado citou as 59.403 descargas do Boletín de Emprego ou as 32.416 consultas sobre a oferta formativa.

Documentos relacionados



Compartir: