PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O incremento das subvencións veciñais ata os 72.000 euros permitiu atender todas as solicitudes e aumentar o seu importe

13/11/2012 O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, deu conta da decisión da comisión avaliadora das subvencións veciñais para este exercicio. Todas as solicitudes presentadas en prazo, 43, foron atendidas e, delas, 24 recibiron a subvención máxima posible, 2.000 euros.

Francisco Noya recordou que nesta convocatoria, respondendo a un compromiso adquirido coas asociacións veciñais, se incrementou a partida para estas axudas dos 55.000 aos 72.000 euros (un 30% máis), de tal xeito tamén que a subvención máxima pasou dos 1.355 aos 2.000 euros. 24 das asociacións recibirán esa subvencións máxima. Do resto, a meirande parte tamén recibirá a cantidade solicitada (nalgúns casos pídense importes menores). Así, o edil estimou no 90% a porcentaxe total de asociacións que recibiron a cantidade solicitada.

Este incremento das subvencións –indicou o concelleiro- é unha recompensa ao bo traballo que veñen realizando moitas asociacións veciñais, que programan un importante número de actividades que complementan as prestadas dende Centros Socioculturais. Unha vez aprobado o reparto pola Xunta de Goberno Local, a asignación da axuda seralle notificada individualmente a cada asociación, coas indicacións precisas para a xustificación das actividades para as que solicitaron a subvención antes do 5 de decembro. Neste sentido, lembrou que a convocatoria deste ano presentaba a novidade de destinar o 80% das axudas a actividades programadas polas asociacións e o 20% como máximo a gastos de funcionamento.

Carpas e colaboración nas festas patronais
Esta subvención ás asociacións veciñais únese a outras dúas tamén comprometidas no seu día. Así, concédense axudas de 300 euros máis IVE para a colocación de carpas. Neste intre xa outorgadas unhas 15, destinadas fundamentalmente aos magostos destas datas.

Ademais, a Concellería colabora coas festas patronais dos barrios e parroquias con inchables, charangas... Xa se produciron unhas 50 colaboracións neste eido, fundamentalmente achegando inchables. Finalmente, o edil lembrou o éxito do programa de excursións "Imos coa Asociación", destinado especificamente ao rural.

Documentos relacionados



Compartir: