MOBILIDADE

A liña 6 do transporte urbano terá parada na estación de ferrocarril

13/11/2012 O concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, anunciou a posta en marcha o xoves 15 das novidades nalgunhas liñas do transporte urbano. Tamén en breve e na liña de mellorar a intermodalidade, indicou que a liña 6 terá parada na estación do tren.

Albino Vázquez lembrou os cambios na rede do transporte urbano realizados no mes de febreiro, que afectaron tanto á estrutura xeográfica como ao sistema de información e de interactuación cos usuarios. Neste sentido, apuntou que "unha rede de transporte é unha rede viva, que debe adaptarse ás necesidades que xurdan na cidade".

A propósito dos cambios xa realizados, referiuse ao incremento de 41.300 viaxes nas tres liñas que sufriran cambios máis significativos. En termos globais, segundo dixo, tamén se constata un incremento de usuarios, que contrasta coa tendencia á baixa do número de usuarios que se está a rexistrar noutras cidades de Galicia.

Entre os cambios desta ocasión, están os das liñas C2 e C4, que suman unha expedición máis ás 6:30 horas, incrementando as posibilidades de acceso aos postos de traballo a primeira hora da mañá. No que se refire á liña C5 (Polígono Costa Vella – Amio - Praza de Galicia – Paxonal – Amio - Costa Vella), esta tamén dará servizo ao Polígono da Costa Vella os sábados pola tarde. Atendendo á demanda dos usuarios, esta liña dará así servizo tanto a esta área comercial como aos veciños das zonas de Amio, Sar e Picaños.

A liña C11 (Circular de Fontiñas) ampliará o seu percorrido ata o novo Centro Comercial As cancelas. Deste xeito, preténdese sumar sinerxias entre estes dous centros comerciais. O servizo comezará ás 6:45 horas e rematará ás 23:00 horas, cunha frecuencia de 15 minutos.

A liña P2 (Estación de Autobuses – Ortoño) modificará o seu percorrido, pasando dende a glorieta de Vidán, a través do Periférico, ata a glorieta de Volta do Castro, continuando a súa penetración na cidade a través dese corredor.

Polo que se refire á liña 8 (Tanatorio de Boisaca – Vidán), adaptará o seu percorrido para así optimizar os recursos, atendendo as necesidades reais do tanatorio. A frecuencia horaria non se modificará, xa que seguirá a ser de 30 minutos.

Finalmente, o concelleiro deu conta da aprobación na Xunta de Goberno do xoves 15 dun convenio de colaboración con ADIF que permitirá que a liña 6 dea servizo á estación de ferrocarril. Nas próximas semanas comezará a funcionar este servizo.

Á marxe dos cambios nas liñas, Albino Vázquez anunciou que se está a preparar unha aplicación informática que permitirá que os usuarios poidan consultar a frecuencia real dos autobuses a través dos seus dispositivos móbiles, do mesmo xeito que a través dos postes informativos dispoñibles en diversas paradas. A previsión é que este servizo entre en funcionamento no primeiro trimestre de 2013.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: