DEPORTES

Admisión aberta na nova escola de capacitación de baloncesto do Club Cadesa

13/11/2012 Xa esta en funcionamento a primeira escola de baloncesto para a mellora da técnica individual e a xestión das habilidades emocionais, o Club Baloncesto Cadesa. A Concellería de Deportes dá a benvida a esta iniciativa, que encabeza o adestrador superior de baloncesto Iván Espiñeira, que pretende entregar aos xogadores de baloncesto as ferramentas necesarias para converterse no tipo de xogador que desexan ser.

Está aberto o período de inscrición para este curso de capacitación do baloncesto, que visitou o concelleiro de Deportes nunha das súas sesións no pavillón de Santa Isabel. A iniciativa é unha boa oportunidade para todos aqueles xogadores de máis de 13 anos que queiran afondar no mundo do baloncesto dende unha nova perspectiva de aprendizaxe. O curso nestes momentos conta xa con 7 xogadores inscritos, sendo o tope de 12.

Os interesados en asistir ou en recibir máis información poden poñerte en contacto con Iván Espiñeira no numero de teléfono 629 641 724, a través do correo electrónico cbcadesa@gmail.com ou na páxina web www.cbcadesa.es.

O baloncesto é un deporte onde a parte mental xoga un papel fundamental. Por iso, no curso de capacitación ao baloncesto ensínaselles aos participantes a ser conscientes deles mesmos, das súas capacidades e calidades, aprendendo a sacar o máximo proveito delas. Saberán como deixar claros os seus obxectivos e metas, ademais de como enfocarse cara a elas.

Outra práctica fundamental é aprender a motivarse e relaxarse, para que en situacións difíciles e de estrés sexan capaces de volver centrarse naquilo que queren lograr. Como non, tamén aprenderán os pasos necesarios para pulir a súa técnica individual, permitíndolles deste modo converterse en xogadores máis completos.

Foméntase igualmente a importancia da repetición e a constancia como as bases principais, así como a utilización de técnicas nemotécnicas que permitirán que a memorización dos novos movementos se realicen nun tempo menor e con maior efectividade.

Compartir: