CULTURA

The Last Minute Experience presenta o seu novo traballo, "Low cost generation", en Cineuropa Concerto

12/11/2012 Logo da inauguración co concerto de Juan Perro, continúa o ciclo Cineuropa Concerto o martes 13 con The Last Minute Experience, que presentan o seu novo traballo, Low cost generation. Será a partir das 21:30 horas na Zona C de Bonaval nun concerto que tamén forma parte do ciclo Íntimo&Acústico. As entradas, a 6 euros anticipada e 8 o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta todos os días dende as 15:00 horas) ou na propia Zona C o día do concerto, a partir das 18:00 horas.

Low cost generation é o terceiro disco de The Last Minute Experience. O grupo está formado por algúns dos mellores novos intérpretes de jazz da península. Para este novo traballo, súmase Escandaloso Xposito, colaborador habitual de Kase’O Jazz Magnetism, e unha das voces mais frescas do hip hop nacional. A formación volve contar coas colaboracións de DJ Panko, scratcher de Ojos de Brujo, e de MC Stormy, rapeiro pertencente á escena underground londiniense

The Last Minute Experience ofrece unha proposta fresca e única, fusionando estilos como o dub step, drum & bBass, hip-hop e funk co jazz de vangarda. Todos estes estilos son parte do background musical dos seus compoñentes e conviven en perfecta harmonía en cada un dos seus concertos. O directo da banda fascina tanto a seguidores de jazz como a todo aquel ávido de novas experiencias. A inclusión de sintes electrónicos, programacións e efectos sonoros fan do directo un cóctel explosivo onde a improvisación prima por encima de todo.

Documentos relacionados



Compartir: