EMUVISSA

A Xunta Xeral de Emuvissa aproba a súa disolución voluntaria

12/11/2012 A Xunta Xeral Extraordinaria da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago (Emuvissa) aprobou a súa disolución voluntaria no marco do cumprimento do Plan de Axuste do Concello aprobado polo Pleno municipal o 30 de marzo de 2012.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, indicou tras a Xunta Xeral que "Emuvissa deixou de cumprir unha función que estaba cumprindo dunha maneira errónea; todo o labor que viña realizando pódese facer dende o Concello, aforrando uns 500.000 euros anuais". Os sete traballadores de Emuvissa quedarán integrados no cadro de persoal do Concello a conta da amortización de futuras prazas que puidera estar previsto crear no futuro e que xa non se crearán. Os traballadores pasarán a ser persoal laboral fixo, adaptando os seus salarios aos municipais da súa categoría.

Tras a sinatura ante notario da disolución, o acordo someterase a publicidade durante un mes. Logo será convocado un Pleno municipal para acordar a disolución definitiva da empresa.

Compartir: