NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello de Santiago e a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizaron un paseo literario pola zona monumental

10/11/2012 Froito do convenio de colaboración que manteñen o Concello de Santiago de a Asociación de Escritores en Lingua Galega, este outono ofrécense posibilidade de participar en dous paseos por Compostela guiados por cadanseu escritor desta cidade.

A primeira das citas foi este sábado xunto á escultura de Chillida no parque de Bonaval. O escritor-guía foi Euloxio Ruibal, autor teatral asentado en Compostela, onde comezou a súa traxectoria vinculado ao histórico grupo Dítea. Membro da Real Academia, ademais dun dos dramaturgos máis prolíficos da literatura galega, cuxa obra o fixo merecente de premios entre os que destaca o Álvaro Cunqueiro, é tamén galerista e codirixe a revista Citania, de estudos artísticos e literarios.

Euloxio Ruibal preparou unha ruta dende a súa particular e literaria visión de Compostela para transitar dende Bonaval ata o Toural, percorrendo as principais rúas da zona monumental con paradas nos espazos de especial simbolismo cultural, como o Panteón de Galegos Ilustres, ou nos edificios onde residiron insignes figuras da nosa historia (Murguía, Bouza Brey ou López Ferreiro), aos que podemos vincular escritores contemporáneos do maior prestixio (Lorca, Otero Pedraio, Castelao) e moitos que foron parte da nosa veciñanza durante longo tempo (Novoneyra, García-Bodaño, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro). O texto base da ruta está dispoñible aquí.

Para participar deste itinerario non era necesaria inscrición previa, unicamente compría achegarse a Bonaval e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da nosa cidade e da nosa tradición literaria. O próximo 24 de novembro, Marilar Aleixandre será a encargada de conducir o segundo dos paseos literarios.

Compartir: