BENESTAR SOCIAL

O colectivo Santiago(é)Noite entrega á Concellería de Benestar Social un vale de 1.000 euros para a Operación Cueiro

09/11/2012 A concelleira de Benestar Social e Familia, Paula Prado, recibiu nas instalacións de Hostalería Compostela un vale cambiable por cueiros por valor de 1.000 euros. O presidente de Santiago(é)Noite, Jesús Peón; o membro deste colectivo de Hostalería Compostela, Juan García; e o presidente de Restauración da Asociación, Jesús Sordo, realizaron a entrega.

Paula Prado agradeceu "esta importante achega do sector hostaleiro nun contexto económico moi difícil". Ademais, subliñou "o compromiso dos hostaleiros dos locais da noite coa recuperación dun ocio nocturno respectuoso coa cidade e cos habitantes de Compostela".

Pola súa banda, Jesús Peón fixo fincapé "na importancia dos hostaleiros nocturnos como un valor para a cidade. Quixemos mostrar o noso compromiso con esta pequena doazón aos máis desfavorecidos de Compostela, resultante do 10% da recadación dun cóctel con e sen alcohol deseñado expresamente para esta iniciativa".

Finalmente, o presidente de Restauración, Jesús Sordo, destacou a importancia destas iniciativas e mostrou "a vontade de seguir contribuíndo a este tipo de accións e colaborando co Concello". Sordo ademais remarcou "o gran labor que están a levar a cabo os 21 locais do Santiago(é)Noite para a reactivación dun ocio nocturno saudable, que foi sempre un dos sinais de identidade desta cidade".

Operación Cueiro
A Operación Cueiro é unha campaña de recollida de cueiros posta en marcha polo Concello para doar cueiros aos colectivos máis desfavorecidos. Santiago(é)Noite colaborou deseñando un cóctel sen alcohol e con alcohol que se distribuíu polos 21 locais adscritos a este colectivo. Estivo á venda durante os meses de verán a un prezo de 3,50 euros e o 10% da recadación destinouse á compra de cueiros. O deseño do cóctel correu a cargo de Marcos Martínez, ex alumno do Centro de Formación de Hostalería Compostela e campión de España de Coctelería Sen Alcohol.

Documentos relacionados



Compartir: