URBANISMO

Un curso explica os procedementos da nova Ordenanza Reguladora da Inspección Técnica das Edificacións

09/11/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, inauguraron na sede do COAG o curso "Inspección Técnica de Edificios. Módulo I", que de imparte o 9 e o 10 de novembro.

Este módulo ten como obxectivos a adquisición dos coñecementos a nivel de procedementos, normativa, responsabilidade e tramitación, necesarios á hora de afrontar unha Inspección Técnica. Neste sentido, cómpre lembrar que en marzo entrou en vigor a Ordenanza Reguladora da Inspección Técnica das Edificacións en Santiago de Compostela, sumándose así a outras cidades galegas que contemplan esta inspección obrigatoria. No curso tamén se desenvolverá nas competencias relativas á adopción de medidas de seguridade e técnicas de apeo.

Este módulo forma parte do curso completo sobre ITE, que se completará con dous módulos máis, un sobre inspección das estruturas de formigón e os cerramentos, e outro sobre inspección das estruturas de madeira, fábrica e das instalacións.

Na súa intervención no acto inaugural, María Pardo acentuou a importancia deste curso formativo sobre as inspeccións técnicas das edificacións que o Concello de Santiago aprobou o pasado mes de marzo coa entrada en vigor da ordenanza reguladora correspondente, materia na que colaborou activamente a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos.

Imparten o curso o técnico municipal e responsable da área de Urbanismo do Concello, José Ángel Oreiro; o arquitecto Mariano de Labra; o aparellador, arquitecto e profesor da Universidade da Coruña, José Fernández; e o arquitecto e presidente da Agrupación de Arquitectos Peritos Forenses de Galicia do Colexio de Arquitectos de Galicia, Marcelino César Jiménez.

Compartir: