ALCALDÍA

O alcalde comunícalles aos representantes veciñais de Meixonfrío o inminente comezo das obras na rúa das Mulas

08/11/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse coa Asociación de Veciños Casa Agraria de Meixonfrío para falar das principais demandas do barrio. Unha delas, o arranxo da rúa das Mulas, está a piques de comezar.

Ángel Currás comunicoulles aos representantes veciñais que está a piques de adxudicarse a obra na rúa das Mulas. Comezará así a executarse a construción de beirarrúas entre Meixonfrío e o tanatorio de Boisaca, unha longa demanda veciñal polo perigo que entraña para os peóns a ausencia de beirarrúas nun tramo como este de alta densidade de tráfico.

Investiranse uns 86.400 euros nunha intervención que tamén incluirá outras tres obras no barrio, segundo apuntou o concelleiro de Barrios, Juan de la Fuente. Todas elas teñen un prazo de execución de dous meses.

Outra demanda na que se está a avanzando é o arranxo da rúa da Cañoteira. Xa máis complexo, segundo indicou o alcalde, é o problema de saneamento e subministro de auga na rúa Agra de Arriba. "Son demandas vellas e lóxicas que na medida do posible intentaremos ir resolvendo", indicou o alcalde.

Compartir: