CULTURA

Arranca Cineuropa cun documental sobre Jimi Hendrix e o concerto de Juan Perro

07/11/2012 Comeza Cineuropa e faino con esa conxunción entre cinema e música que é unha das protagonistas desta edición. Este xoves, ás 18:00 horas, o CGAC será o escenario da primeira das proxeccións desta 26ª edición do festival. Poderemos ver o documental Jimi Hendrix con entrada libre ata completar aforo. E despois, ás 21:00 horas e enmarcado dentro do ciclo Intimo & Acústico a primeira das citas co Cineuropa Concerto: Juan Perro. As entradas, 18 € anticipada (15 € no anfiteatro) e 20 € (18 € no anfiteatro) o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Principal ou en Novagaliciabanco (na web entradas.novagaliciabanco.es' ou no teléfono 902 434 443)

Santiago Auserón adapta nesta xira, baixo o nome de Casas en el aire, o seu repertorio ao dúo de guitarras acústicas e voces, en colaboración co guitarrista e cantante Joan Vinyals. As cancións de Río Negro, o quinto álbum publicado baixo o nome de Juan Perro, do que se venderon nun ano 10.000 copias por canles independentes, xúntanse cunha selección de temas históricos, aos que se van engadindo outros inéditos e versións de clásicos que permiten apreciar a evolución do proxecto, na fronteira entre a herdanza afroamericana e as tradicións hispanas.

Casa en el aire, nome elixido para presentar ao longo de 2012 este proxecto en continua evolución, parece suxerir certa relación coas sombras que se proxectan sobre a actualidade española. Pero o que en verdade nos di é que o aire das cancións é un refuxio compartido para facer fronte á tormenta con bo ánimo. Repasando vellos éxitos e estreando cancións, Juan Perro contaxia a seguridade de que o traballo artístico ben feito abre portas cara a un porvir luminoso.

Jimi Hendrix, dentro da sección Docs Music
Ademais da censura na portada do seu disco Electric Ladyland (1968), Jimi Hendrix tivo varios discos censurados durante o franquismo. Por exemplo, os álbums The Cry of Love (1971) e Isle of Wight (álbum en directo de 1971) por conter o tema "Freedom". Ambos os dous tiveron que ser editados en España sen esa canción, xa que, segundo os censores, contiñan "algúns versos de carácter pornográfico", que en concreto eran para eles os seguintes: "Estás a flirtear coa miña muller... Só queres facerme sangrar. Mellor pasa as túas noites con outra persoa".

Neste documental autorizado polos seus herdeiros e realizado pouco despois da súa morte, Jimi Hendrix cobra vida ao descubrir os recordos e testemuños dos seus familiares, amigos e outras lendas do rock como Pete Townshend, Little Richard, Eric Clapton ou Mick Jagger.

A película contén filmacións inéditas das súas inesquecibles actuacións nos Festivais Rock de Monterey, Woodstock, a Illa de Wight e o Club Marquee de Londres. Comezando co electrizante "Purple Haze", o intemporal "Machine Gun" e un extravagante "Wild Thing", ata chegar a un conmovedor "Hear My Train a Comin’", Jimi Hendrix toca todos os rexistros nunha homenaxe colectiva a un dos mellores guitarristas do mundo, proporcionándonos unha imaxe clara e nostálxica do desaparecido artista.

Direcciones relacionadas



Compartir: