DEPORTES

Bota a andar a nova Escola de Atletismo do Club Fontes do Sar

07/11/2012 A Concellería de Deportes dá a benvida ao panorama deportivo compostelán ao Club de Atletismo Fontes do Sar. Este club nace hai tres anos cando, despois de moitas quedadas, un grupo de amigos amantes das carreiras e da actividade física que adestraban xuntos na instalación municipal de Sar deciden federarse e agruparse como club. Neste curto período de tempo incrementaron significativamente o número de licencias, contando na actualidade cunhas cen persoas no club.

Este ano deron un paso máis coa creación da Escola de Atletismo, que nace coa intención de dar a coñecer este deporte aos máis pequenos con actividades deportivas relacionadas co atletismo, sen esquecer a parte didáctica – pedagóxica, que como todo deporte pode achegar aos rapaces valores e experiencias positivas no seu desenvolvemento.

A Concellería de Deportes, dirixida por Adrián Varela, deulle todo o pulo necesario a esta iniciativa, proporcionándolle ao club todo o necesario para comezar con esta Escola. Tamén foi importante o apoio de patrocinadores como XADE, Galeón, Amancio Deportes ou Zapatería Rial, entre outros.

Calquera interesado nesta Escola Deportiva pode acudir ao Estadio Municipal de San Lázaro todos os martes e xoves en horario de 18:00 a 19:00 horas e falar cos responsables do club, que proporcionarán o oportuno asesoramento.

Compartir: