URBANISMO

O Concello aforrará medio millón de euros anuais coa disolución de Emuvissa e integrará todo o seu persoal

07/11/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta do acordo do Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela para a disolución desta sociedade. Ademais, anunciou que os sete traballadores da mesma quedarán integrados no Concello de Santiago.

A integración dos sete empregados de Emuvissa no cadro de persoal do Concello realizarase a conta da amortización de futuras prazas que puidera estar previsto crear no futuro e que xa non se crearán. Os traballadores pasarán a ser persoal laboral fixo, adaptando os seus salarios aos municipais da súa categoría. A concelleira xustificou esta medida por "motivos sociais" e pola vantaxe que supón o incorporar "persoal xa con experiencia".

Segundo indicou María Pardo, a disolución de Emuvissa suporá para as arcas municipais un aforro anual de medio millón de euros en gasto corrente sen mingua no servizo, xa que as actuacións e compromisos pendentes son asumidos polo Concello. En calquera caso, para a edil, "manter unha empresa de promoción do solo no momento actual non ten sentido" e puxo como exemplo os tres últimos concursos de venda de parcelas, nos que non se presentou ningunha oferta". "Emuvissa cumpriu o seu ciclo e xa non é necesaria no actual mercado, pois supón un gasto innecesario sen retorno", engadiu.

Sobre a "herdanza" recibida polo Concello de Emuvissa, ademais das devanditas parcelas e do local da sociedade, a concelleira salientou a obriga de urbanizar o SUNP-11 do Castiñeiriño, obra valorada en 2,4 millóns de euros e xa cobrada aos propietarios. Tamén se referiu aos máis de 1,5 millóns de euros xa pagados aos provedores a través do crédito ICO e a unha débeda con Facenda de máis de 400.000 euros.

Sobre o futuro dos solos industriais 37.3 de Costa Vella e 38 de Formarís, explicou que se está á espera de asinar un convenio con Xunta e Estado para executar conxuntamente a glorieta da N-550. Isto permitirá "reducir as cargas destes solos industriais" para facelos "viables", garantindo un prezos máis competitivos.

O Pleno, constituído en Xunta Xeral, reunirase o luns 12 para ratificar esta disolución e a liquidación da empresa. O obxectivo é que todo o procedemento poida estar concluído antes de que remate o ano.

Documentos relacionados



Compartir: