TURISMO

Turismo de Santiago edita dúas publicacións sobre cultura e lecer

11/05/2006 A "Axenda Cultural de Santiago de Compostela 2006", de aparición anual, e o folleto mensual "Culturall"-que leva xa dous números- informan a visitantes, cidadáns e profesionais do turismo sobre os eventos culturais e as opcións para o tempo de lecer que poden atopar na cidade.

Unha axenda cultural anual e un folleto mensual para o tempo libre son as dúas novas publicacións de Turismo de Santiago presentadas polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, en rolda de prensa.

A primeira delas, a "Axenda Cultural de Santiago de Compostela 2006", editada a principios de ano, é unha recompilación do calendario cultural compostelán destinada en Galicia ás axencias de viaxe, hoteis, oficinas de información turística, e no estranxeiro a turoperadores e ás oficinas de turismo españolas.

A axenda funciona coma unha guía útil sobre os eventos programados para 2006 por espazos públicos e privados, con programas estábeis, acontecementos especiais, eventos específicos para o público infantil e as máis sobranceiras festas populares.

Un folleto mensual

Turismo de Santiago, coa colaboración do Consorcio de Santiago, edita tamén desde abril "CulturAll", unha publicación mensual e gratuíta sobre a oferta cultural, turística e de lecer na cidade.

Os 10 mil exemplares da guía bilingüe –castelán-inglés– poden atoparse nas oficinas municipais de turismo, contenedores culturais, librarías, hoteis, bares e cafés.

Ademais da axenda cultural de cada mes o folleto inclúe recomendacións de turismo e lecer para aproveitar o tempo en Santiago, mapa sinalizado e un directorio do tempo libre que abarca desde museos e galerías ata bares e restaurantes.

Compartir: