TURISMO

Os hoteis composteláns aumentan en ocupación e pernoctacións respecto a anos anteriores

11/05/2006 De acordo cos datos presentados por Turismo de Santiago, durante abril de 2006 o nivel de ocupación hoteleira creceu tanto en termos absolutos (pernoctacións) como en datos relativos (ocupación media).

Tomando en conta as medias de ocupación dos hoteis de 3 a 5 estrelas (para facer posíbel a comparación con 2003, ano no que a Asociación de Empresarios de Hostalería non recollía estatísticas de niveis inferiores), obsérvase que a ocupación media do 53,3% rexistrada en abril do 2006 é 3 puntos superior á do mesmo mes do 2005 (50,24%) e 6 puntos superior á do 2003 (47,64%).

A comparación co 2003 é interesante porque ese ano se celebrou a Semana Santa tamén en abril, coa diferencia de que hai tres anos existían case 1.300 prazas de aloxamento menos.

De acordo co concelleiro de Turismo, Francisco Candela, "estes datos de 2003 e 2006 demostran que a actividade nos aloxamentos composteláns non só foi capaz de cubrir a existencia de máis dun milleiro de novas prazas, senón tamén incluso de medrar tres puntos sobre 2005 e seis sobre 2003".

Incremento das pernoctacións

A diferencia é máis patente no número de pernoctacións, que pasaron -para o segmento de 3 a 5 estrelas- de 39.988 en abril do 2003 a 50.103 en abril do 2005, e alcanzaron as 62.892 en abril do 2006. Este último dato representa un crecemento do 57,27% sobre abril do 2003 e dun 25% sobre abril do 2005.

"Dito doutra maneira, e malia teren máis prazas, os hoteis composteláns de 3 a 5 estrelas facturaron este pasado mes de abril 22.904 noites máis que no 2003 e 12.789 noites máis que no 2005", indicou Candela.

Un 47% máis de consultas extranxeiras

A empresa municipal de Turismo rexistrou entre xaneiro e abril do 2006 un total de 31.460 consultas, un 8% máis que en abril do 2005.

O máis destacábel é o crecemento das consultas de estranxeiros, que pasaron de 9.416 no primeiro cuadrimestre do 2005 a 13.824 no 2006, o que presenta un aumento do 47%. A cifra é incluso un 3% superior á do mesmo período do Ano Santo.

Desta maneira, os visitantes estranxeiros pasan a representar o 44% de todas as consultas recibidas, no que Candela cualificou como "a evidente internacionalización de Santiago como destino turístico".

As nacionalidades que encabezan o ránking de consultas no cuadrimestre son alemáns, británicos e italianos –precisamente aqueles que contan con voos directos desde os seus países a Compostela-. Estes tres principais mercados emisores amosan crecementos espectaculares de preto do 250%, 100% e 300% respectivamente sobre 2005.

O cuadrimestre tamén marca o inicio da recuperación da presenza do turismo portugués, cuxas consultas medran un 20% sobre o mesmo período do 2005.

Dentro dos visitantes nacionais –un segmento con crecemento cero para ambos periodos do 2003 e 2006- seguen a destacar os procedentes da Comunidade de Madrid, Cataluña e Andalucía. Crecen un 40% as consultas de andaluces e case se duplican as de turistas das Illas Baleares.

62.500 novos viaxeiros para Lavacolla

Os 2.169 autobuses que recibiu este cuadrimestre a dársena de Xoán XXIII representan un lixeiro crecemento do 6,3% sobre os 2.040 vehículos rexistrados no mesmo período do 2005.

A falta das estatísticas finais de AENA, Turismo de Santiago estima para o aeroporto de Lavacolla un tráfico de máis de 175.000 viaxeiros en abril do 2006, un 25% máis que no 2005.

En cifras acumuladas, o aeroporto compostelán rexistra preto de 577.000 pasaxeiros para o cuadrimestre en curso, que representan un crecemento do 12% sobre os 514.270 do 2005.

En suma, o aeroporto de Lavacolla gañou entre xaneiro e abril do 2006 uns 62.500 novos viaxeiros, cifra que supera aos 44.580 novos viaxeiros cos que o mesmo período do 2005 deixou atrás ao Ano Santo 2004.

Compartir: