TURISMO

Santiago promociónase en Londres

02/11/2012 Turismo de Santiago promocionará a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico, que terá lugar en Londres entre o 5 e o 8 de novembro. Nesta feira participan máis de 45.000 profesionais do sector, con máis de 2.500 xornalistas internacionais rexistrados. Turismo de Santiago ten xa pechadas múltiples reunións con axencias e touroperadores, que amosaron o seu interese na cidade a través da plataforma privada da propia feira.

O Reino Unido é un mercado prioritario para a cidade, aínda que nos últimos anos viviu un claro retroceso nas pernoctacións na cidade. No 2007 alcanzáronse as 45.000 pernoctacións, pero dende entón descendeu dun modo moi importante, contraéndose máis da metade. Así, tanto en 2010 coma en 2011 houbo menos de 20.000 pernoctacións, ocupando o sexto posto por volume de pernoctacións na cidade tras Alemaña, Italia, Portugal, Francia e Estados Unidos.

Non obstante, a potencia deste mercado é moi importante para a cidade, tanto polos propios datos obtidos en anos pasados, como polo feito de que o Reino Unido sexa o principal mercado emisor de turistas a España. Por estes motivos, Turismo de Santiago ten coma obxectivo recuperar o volume de pernoctacións que este mercado chegou a ter hai uns anos. A participación tanto na World Travel Market agora en novembro, como a presenza na City Fair de Londres no mes de xuño, diríxense cara este obxectivo.

No vindeiro 2013 desenvolveranse ademais outras medidas para potenciar este mercado, tamén co obxectivo de aumentar os pasaxeiros na ruta Santiago-Londres, que actualmente opera Ryanair e que a partires de xuño tamén operará Easyjet. Esta é a ruta internacional máis importante no aeroporto de Lavacolla e no 2012 está crecendo fronte ao 2011, xa que nos nove primeiros meses sumou xa 49.295 fronte aos 52.197 pasaxeiros que tivo en todo o ano pasado.

Pese a ser xa a ruta internacional que más pasaxeiros move en Lavacolla, é unha ruta cun potencial de crecemento moi importante, como demostra o feito de que chegase a mover máis de 150.000 pasaxeiros no ano 2005, ano no que estiveron operativas dúas conexións coa capital británica, unha a través de Iberia, que tivo 76.684 pasaxeiros, e outra a través de Ryanair, que sumou 81.683.

Compartir: