BENESTAR SOCIAL

A Concellería de Benestar Social achega 10.000 euros ao Banco de Alimentos, Premio Príncipe de Asturias da Concordia 2012

30/10/2012 Continúa a sinatura de convenios da Concellería de Benestar Social coas entidades sociais da cidade. Desta vez, pasaron por Raxoi o Banco de Alimentos Rías Altas e Cáritas Diocesana (Programa Vagalume), aos que o Concello achega unha subvención de 10.000 e 34.000 euros, respectivamente.

O Banco de Alimentos Rías Altas incorporouse neste exercicio ao grupo de entidades sociais que reciben subvención municipal. Recibirán 10.000 euros como axuda ao importante labor social que realiza na consecución gratuíta de alimentos de todas clases, para logo realizar a doazón e distribución dos mesmos de xeito gratuíto entre entidades benéficas dedicadas á asistencia e coidado directo de persoas necesitadas no ámbito xeográfico da provincia da Coruña.

Na entidade traballan de forma habitual voluntarios, a maioría profesionais xubilados, que prestan os seus coñecementos de forma altruísta, ao igual que decenas de colaboradores en accións puntuais. Ten dúas sedes, unha en Santiago, que atende a zona sur da provincia, e outra na Coruña, que se ocupa da parte norte. Na actualidade, o Banco de Alimentos Rías Altas traballa con 500 entidades que atenden a unhas 30.000 persoas. Foi o director da delegación en Santiago, José Pita, o que asinou o convenio coa concelleira de Benestar Social, Paula Prado.

O Banco de Alimentos Rías Altas é membro da Federación Española de Bancos de Alimentos, que este ano 2012 recibiu o Premio Príncipe de Asturias da Concordia 2012. O xurado recoñeceuno como "expoñente dun esforzo internacional solidario para aliviar algunhas das necesidades máis apremiantes da poboación, hoxe agudizadas pola crise económica. Os donantes de alimentos e os voluntarios e organizacións que os canalizan constitúen exemplos decisivos e xenerosos deste esforzo altruísta en favor dos demais".

Programa Vagalume
Por outra parte, o director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño, asinou o convenio que permite ao Concello achegar 34.000 euros para o programa Vagalume, que atende as necesidades de mulleres que exercen a prostitución ou que son obxecto de trata con fins de explotación sexual. No Centro da Muller Vagalume, as mulleres reciben asesoramento xurídico, orientación sociolaboral, atención psicolóxica e de saúde e formación dirixida á súa inserción social.

Compartir: