SANIDADE

Reforzo dos servizos en Boisaca con motivo de Todos os Santos e Defuntos

30/10/2012 A concelleira de Medio Ambiente, Infraestruturas, Sanidade e Parques e Xardíns, María Castelao, compareceu en rolda de prensa para dar conta dos traballos que se están a realizar para reforzar os servizos no cemiterio de Boisaca, ante a afluencia masiva de cidadáns nestas datas tan sinaladas.

Aínda que os labores de mantemento e coidado do cemiterio corresponden á empresa concesionaria, nestas datas por parte do Concello faise unha colaboración especial para mellorar determinados aspectos, como as zonas axardinadas, a limpeza ou o alumeado. Así, estanse perfilando os xardíns e renovando e pintando os farois e, para facilitar a recollida de lixo, instaláronse 16 contedores pequenos dentro do cemiterio e, no exterior, un contedor grande que se baleirará dúas veces o día.

Ampliación de horarios no transporte urbano
En 2011, 3.200 persoas utilizaron o transporte público para acudir a Boisaca, máis do triplo que calquera outro día festivo. Por este motivo, tamén este ano se ampliarán os horarios.

O concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, explicou que a liña 1 manterá o mércores 31 as mesmas frecuencias, cada 16 minutos, mentres que o xoves 1 se duplicará o servizo co mesmo réxime que un día laborable, de 9:00 a 20:00 horas, cada 16 minutos. Ademais, para facilitar o acceso as inmediacións do cemiterio a aquelas persoas que se acheguen no seu vehículo, a Policía Local reforzará a súa presenza nesa zona.

Fosa común
María Castelao tamén comentou na rolda de prensa que, a raíz dunha petición veciñal, se van a levar a cabo traballos de acondicionamento na fosa común de Boisaca. As melloras posibilitaran o acceso das persoas que teñan familiares nese lugar, que poderán colocar unha placa de recordatorio dos seus seres queridos. Destes labores na fosa farase cargo a empresa concesionaria.

Documentos relacionados



Compartir: