EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música pon en funcionamento un seminario permanente de instrumentos tradicionais

30/10/2012 A programación da Escola Municipal de Música ofrece varias novidades para o curso escolar 2012-2013. Unha delas é un Seminario Permanente de Música Tradicional, que propón un formato innovador de ensino da música tradicional. O prazo para inscribirse neste Seminario estará aberto ata o 14 de novembro.

A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, presentou o avance da programación para o curso 2012-2013, que se completará cun calendario de actividades específico para celebrar ao longo de 2013 o décimo aniversario da Escola Municipal de Música. Entre estas actividades complementarias das que se realizan de xeito cotiá no centro salienta o Seminario Permanente de Música Tradicional, as Clases Maxistrais, ou programa Creando oportunidades (dou, dás).

O Seminario de Música Tradicional estará coordinado por Pablo Pascual, profesor de clarinete e gaita na Escola e comprende seis áreas instrumentais: canto e pandeireta, zanfona, acordeón, arpa e gaita e percusión tradicional. O programa complétase con sesións de linguaxe musical, participación na agrupación tradicional, formación para a realización de arranxos musicais e teoría da música tradicional galega.

O prazo de inscrición neste Seminario estará aberto ata o 14 de novembro de 2012. Hai dez prazas por especialidade, salvo na de canto e pandeireta, na que as prazas dispoñibles son 15. O prezo do curso, que irá de novembro de 2012 a xuño de 2013, é de 53,50 euros mensuais. O impreso correspondente está a disposición dos interesados nesta mesma web e na da Escola Municipal de Música.

Programa de préstamos e clases maxistrais
Outra das novidades deste curso é un programa de préstamo ou doazón denominado Creando oportunidades (dou, dás). Pretende axudar a que os rapaces teñan oportunidade de estudar e aprender música. A Escola xestiona a posta en contacto de todas aquelas persoas que teñan un instrumento que non usen e queiran prestalo ou doalo a un alumno.

Por segundo ano continúan tamén as Clases Maxistrais, que promoven unha formación especializada en diversos instrumentos a través de profesorado relevante no eido musical. O formato é o de clases maxistrais quincenais. Neste curso traballarase nas especialidades de frauta, óboe, clarinete e violín. As clases celebraranse entre decembro e marzo.

Igualmente por segundo ano consecutivo, a Escola organiza un curso de iniciación ao instrumento para idades temperás (de 3 a 7 anos), destinado ao alumnado de Música e Movemento. 40 nenos e nenas xa comezaron a súa aprendizaxe en violín, cello, contrabaixo, trombón, clarinete, trompeta ou percusión.

Música na cidade e concertos didácticos
Tampouco faltarán de xaneiro a xullo, na última fin de semana de cada mes, os concertos en lugares emblemáticos da cidade. As formacións da Escola ofrecerán actuacións especiais en lugares como a praza Roxa, a praza de Praterías ou a praza do Toural.

A programación inclúe tamén, por terceiro ano, un Ciclo de Concertos Didácticos nos centros de ensino de Santiago. Este ano leva por título Os cantos do país do deserto. Os concertos, centrados no traballo do cuarteto de corda, van acompañados de unidades didácticas adaptadas ás idades do alumnado.

Acompañaron á concelleira Rebeca Domínguez na rolda de prensa a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, e os profesores Pablo Pascual, Javier Díaz e Miguel Anxo López.

Direcciones relacionadas



Compartir: