ALCALDÍA

O alcalde comprométese cos veciños de Lavacolla a avanzar na atención das súas demandas máis prioritarias

29/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu a Asociación de Veciños Ruta Xacobea. Na xuntanza tamén participaron os concelleiros de Medio Rural, Luis Bello, e de Centros Socioculturais, Francisco Noya, que puideron escoitar as principais demandas veciñais para esta parroquia de Sabugueira (Lavacolla), a máis grande en extensión coa que conta Santiago.

Ángel Currás comprometeuse a realizar unha visita a Lavacolla para comprobar de primeira man todas as demandas veciñais, recoñecendo a "situación de abandono en moitos aspectos" desta parroquia ao longo dos últimos anos. Ademais, indicou que o Concello establecerá un programa de prioridades e irá executando aquelas obras máis urxentes na medida da dispoñibilidade orzamentaria. "Unhas demandas poderán atenderse antes e outras esixen uns recursos que agora non temos", apunto.

Para o alcalde, as demandas formuladas son "razoables e lóxicas". Neste sentido, referiuse a necesidades de redes de abastecemento e saneamento, de arranxo de pistas ou de dispoñibilidade dalgunha masa común para servizos da parroquia. Así e no marco do devandito calendario de prioridades, estimou que se pode ir avanzando máis inmediatamente na mellora dalgún vieiro ou na rede de abastecemento de auga.

Compartir: