FACENDA

O Concello conxela os tributos un ano máis e permitirá o pago do IBI en tres prazos

26/10/2012 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, anunciou que, un exercicio máis, os tributos municipais permanecerán conxelados e nin sequera contemplarán a suba do IPC. Ademais, as ordenanzas fiscais para 2013 ofrecen a novidade da posibilidade do fraccionamento do pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ata en tres prazos.

A decisión de conxelar un ano máis os tributos municipais obedecen, segundo a concelleira, á "sensibilidade especial" que o Goberno local quere ter cos cidadáns nestes momentos de crise económica. A esta conxuntura actual responde tamén a decisión de fraccionar o pago do IBI, unha medida que permitirá "aliviar" os contribuíntes no pago deste imposto. Tamén beneficiará a provedores e á propia Administración xa que, ao repartir a recadación ao longo do ano, "poderemos pagar con máis constancia", indicou Cecilia Sierra.

Os contribuíntes poderán deste xeito fraccionar o pago ata en tres meses, establecéndose tres datas de pago: 5 de maio, 5 de agosto e 5 de novembro. A decisión de dividir o ingreso é voluntaria e o contribuínte deberá comunicalo. Tal como indica a disposición transitoria da ordenanza fiscal, para acollerse ao sistema de pago fraccionado, o contribuínte terá de prazo para solicitalo ata o 28 de febreiro. Cómpre lembrar que agora o prazo de pago está fixado entre o 20 de setembro e o 20 de novembro.

Para poder acollerse a esta modalidade aprazada, os contribuíntes deben ter os seus recibos domiciliados. Ademais, no momento de aprobación do correspondente padrón non poden ter pendentes débedas en vía executiva co Concello de Santiago. Se o cidadán opta por esta opción de aprazamento, esta aplicarase a todos os recibos do IBI que teña.

A concelleira apuntou que o Goberno municipal ten a intención de estender no futuro este pago aprazado a outros tributos, como pode ser o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica. Ademais, volvendo ao IBI, reiterou o compromiso de rebaixar o tipo impositivo tan pronto a situación económica o permita.

Co obxectivo de facer efectivos estes cambios e dar servizo e información aos cidadáns, reforzarase a Oficina de Atención ao Contribuínte. Finalmente e a propósito desta medida, a concelleira agradeceu o traballo realizado polos responsables dos departamentos de Economía, Tesourería e Informática.

Máis seguridade xurídica e cambios técnicos
As novas ordenanzas fiscais conteñen tamén algunha modificación técnica (por exemplo, en plusvalías) e a homexeneización das relativas á Ordenanza de ocupación da vía pública. Os cambios permitirán contemplar supostos ata agora non previstos e, sobre todo, ofrecer seguridade xurídica aos cidadáns.

En canto a outras ordenanzas, as principais novidades teñen que ver coa que afecta á ORA, como consecuencia do cambio na concesión do servizo, e coa de prezos públicos das instalacións deportivas municipais, incorporando os novos recintos postos en funcionamento.

As ordenanzas fiscais para 2013 serán levadas para a súa aprobación inicial a un Pleno extraordinario o 31 de outubro. Logo do período de alegacións volverán ao Pleno para a súa ratificación.

Compartir: