PLENO

O Pleno aproba definitivamente a Ordenanza municipal de ocupación e uso da vía pública

25/10/2012 Unha vez resoltas as alegacións, o Pleno da Corporación aprobou definitivamente a Ordenanza municipal de ocupación e uso da vía pública. Tamén se deu o visto bo, nesta caso inicialmente, á modificación puntual da Ordenanza de publicidade e rotulación.

A nova ordenanza de ocupación da vía pública, de 119 artigos, substitúe á vixente ata agora, que databa de 1998, incorporando novos elementos de ocupación que naquel momento non existían e que agora era preciso regular. Outros elementos existentes carecían de regulación e tamén se produce unha actualización deste sentido. Todas estas novas regulacións implicarán as respectivas taxas, cuxo importe depende dos metros cadrados ocupados.

Esta norma inclúe oito títulos, que determinan cuestións como a instalación de quioscos ou as intervencións na vía pública. Neste último caso, introdúcese a regulación ata agora inexistente de elementos como plataformas elevadoras, montacargas, estadas, casetas de obra, etc.

Ademais, a regulación da ocupación da vía pública pola instalación de servizos é máis exhaustiva que a contida no PXOM. A modo de exemplo, a ordenación das obras das canalizacións permitirá unha maior coordinación á hora de realizar as mesmas.

Tamén novidosas son as licenzas para aparcamento exclusivo destinado á saída e entrada de vehículos. Esta é unha medida fundamentalmente destinada a establecementos comercias, de xeito que, mediante o pago dunha taxa, se poida reservar determinado espazo para carga e descarga, evitando que o vehículo permaneza circulando pola cidade ata que quede libre unha praza de carga e descarga.

Outras instalacións, como as máquinas expendedoras, tampouco estaban reguladas. Por regra xeral quedarán prohibidas no espazo público, salvo en momentos excepcionais. Tampouco estaban regulados os caixeiros, os puntos de descarga de vehículos eléctricos ou as mesas informativas, que tamén pagarán a súa correspondente taxa. As mudanzas, os subministracións de obras ou os eventos deportivos, culturais ou festivos cando supoñan unha ocupación da vía pública tamén están recollidos na ordenanza.

En canto ás sancións, a norma fixa infraccións leves, graves e moi graves, con multas, respectivamente, de ata 500 euros, entre 500 e 3.000, e entre 3.000 e 6.000 euros.

Finalmente, tras estudar as alegacións, mellorouse a redacción da Ordenanza no relativo á exención das taxas para as entidades sen ánimo de lucro, se ben, como indicou o concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, esta xa era unha exención contemplada na práctica.

Publicidade e rotulación
O Pleno tamén aprobou inicialmente tres modificacións da Ordenanza municipal reguladora da publicidade e rotulación. Unha delas é a incorporación dunha disposición adicional que habilita ao alcalde para, mediante Decreto, ditar as instrucións ou disposicións necesarias para a aplicación da Ordenanza, cando por cuestións temporais non é posible a tramitación habitual.

A segunda modificación afecta ao artigo 37 no relativo á altura dos fitos, que carecía ata o momento dunha regulación axeitada. Este artigo queda redactado de tal xeito que se establecen máis ao detalle as características xerais dos monólitos institucionais e fitos comerciais. Así, nos edificios de uso exclusivo non residencial poderanse instalar fitos comerciais ou monólitos institucionais identificativos no espazo libre de parcela, dentro da aliñación oficial. A súa altura será de 1/2 da altura del edificio, cun máximo de 12 metros. En edificios que se ubiquen nun solo industrial a altura poderá alcanzar os 24 metros sempre que se sitúen fora do ámbito de protección do Camiño de Santiago. Indícase igualmente que o deseño e composición destes fitos deberán integrarse no proxecto de edificación sen que a súa instalación poida supoñer, en ningún caso, un perigo para as instalacións e edificios existentes na propia parcela, para as edificacións lindeiras ou para as vías de circulación de vehículos.

O 38 regula os postes publicitarios, ampliando tamén o detalle. Poderanse instalar postes de publicidade, co nome dun establecemento comercial nun cartel ou nunha bandeirola, en solos de titularidade municipal previa obtención de licenza e da correspondente autorización demanial, que en calquera caso poderá ser denegada por razóns estéticas ou cando se prexudique ó uso público. Será posible instalar vallas de publicidade, que poden servir de soporte á anuncios de produtos, establecementos comerciais, ou actividade institucional, cultural, deportiva, electoral, etc. en solos de titularidade municipal mediante concesión administrativa suxeita aos pregos de condicións. Os pregos de condicións determinarán o deseño, dimensións, características, lugares de instalación e outras condicións que en cada caso procedan.

Compartir: