ALCALDÍA

O alcalde defende o papel do Camiño de Santiago como representación do "ideal da unidade da cultura europea"

24/10/2012 A cidade acolleu os actos conmemorativos do XXV aniversario da declaración polo Consello de Europa do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Lembrouse así a importancia dunha ruta que, para o alcalde compostelán, Ángel Currás, encarna "o ideal da unidade da cultura europea".

O programa da xornada iniciouse cun percorrido a pé, dende a Porta do Camiño, polo último tramo do Camiño de Santiago. O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjern Jagland, encabezaron a comitiva de autoridades.

Xa na praza do Obradoiro agardaba o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo. Tras o saúdo, foi o momento para as diversas intervencións, comezando pola do alcalde compostelán, quen dende o centro da praza, lembrou as palabras do historiador Antonio Bonet nas que indicaba que "para entender a Compostela, con toda a súa historia e o seu significado, hai que situarse en medio de da praza do Obradoiro". Para Ángel Currás, dende este punto mesmo se pode comprender bo aparte da historia e do significado de Europa.

O alcalde falou do "Camiño europeo por autonomasia" e agradeceu ao Consello de Europa o seu recoñecemento a unha ruta que representa "o ideal da unidade da cultura europea" e "unha oportunidade para concienciarnos da nosa europeidade". Esa cultura, dixo, entendida como "conxunto de historias que nos unen" atópase representada no Camiño de Santiago. Por iso, puxo a cidade e a praza "a disposición de todos aqueles que queiran pensar e repensar Europa, que queiran sentir Europa, e que queiran soñar Europa".

Un Camiño transmisor de valores
A continuación tomou a palabra o secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjern Jagland. Agradecido pola invitación para conmemorar esta data, lembrou a declaración hai 25 anos como "o punto de partida da gran aventura que chegaría a inspirar o programa de rutas culturais europeas do Consello de Europa". Amosouse orgulloso de renovar a mensaxe desa Declaración e insistiu na "importancia das nosas múltiples identidades europeas, ricas na súa diversidade, color, profundidade e orixe". Así, considerou que as 24 rutas culturais do Consello que enlazan Europa están arraigadas na idea, trasladada á realidade polos Camiños de Santiago e que "a historia e cultura europea son parte viva do noso patrimonio. Están aí para ser compartidas, valoradas e conservadas".

Tras recordar que o Camiño de Santiago simboliza a unificación europea, Jagland apuntou que os obxectivos da declaración de 1987 "foron cumpridos e a miúdo superados". Neste sentido, explicou que, hoxe, "a cartografía, sinalización, investigación e intercambios culturais enunciados na Declaración, convertéronse no criterio de entrada para os proxectos que desexan seguir este orixinal e ambicioso exemplo do año 1987".

"Estas rutas culturais convertéronse nos embaixadores da nosa organización: transmiten ás persoas e á sociedade non só os valores dos dereitos humanos e democracia que defendemos, senón tamén os textos e os convenios específicos que constitúen as nosas ferramentas neste traballo", declarou o secretario xeral. Afirmou igualmente o valor destas rutas como fontes de coñecemento, o cal "disipa a ignorancia e o medo" e "permite que floreza a democracia", como ferramentas de acceso á cultura e como xeradoras de "proxectos sostibles e participativos que celebran a diversidade".

Thorbjern Jagland concluíu o seu discurso lembrando as palabras finais da declaración de 1987: "Que a fe que inspirou aos peregrinos ao longo da historia, uníndoos nunha aspiración común, trascendendo as diferencias e intereses nacionais, nos inspire hoxe, e aos mozos en particular, para viaxar ao longo destas rutas co fin de construír unha sociedade baseada na tolerancia, o respecto ao próximo, a liberdade e a solidariedade".

Rematou a rolda de intervencións Alberto Núñez Feijóo. Para o presidente da Xunta en funcións, "Europa nace porque cada peregrino inicia a súa viaxe saíndo dun país e regresa sendo europeo. Durante o Camiño toma conciencia de que xuntos se camiña mellor, de que xuntos se superan mellor os obstáculos, de que xuntos se chega antes á meta compostelá. O camiño ensina que a insolidariedade é inútil porque nos volve inermes ante os perigos que nos axexan".

Recoñecemento ao papel de Galicia en Europa
Feijóo incidiu en que a declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo foi algo máis que unha distinción; "foi un recoñecemento ao papel de Galicia na construción de Europa e un impulso que se traduciu no florecemento da ruta xacobea neste cuarto de século. Millóns de europeos –dixo- volveron a sentir a mesma chamada que atenderon os seus antepasados".

O titular da Xunta concluíu a súa intervención afirmando que a Europa que o Consello representa é unha esperanza que vai máis aló das lindes europeas. "Neste momento, nalgún lugar do mundo onde non rexe a democracia, hai alguén que soña coa mesma liberdade que nós disfrutamos. Temos unha obriga con eses millóns de persoas que conxuran os seus pesadelos cotiáns pensando en Europa. Por eles e por todos nós, o proxecto europeo ten que seguir camiñando como un peregrino máis".

Tras os discursos, os congregados na praza do Obradoiro escoitaron o Himno de Europa, interpretado pola Banda Municipal de Santiago de Compostela. E logo do izado da bandeira de Europa, os nenos e nenas do colexio López Ferreiro realizaron unha solta de pombas.

Memoria de Peregrinación
Concluído este acto institucional, a comitiva dirixiuse ao Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela para visitar a exposición Memoria de Peregrinación, Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo. A mostra, que poderá visitarse ata o 27 de decembro, vivía este día a súa segunda xornada de portas abertas.

Memoria de Peregrinación é unha mostra audiovisual realizada por Manuel Valcarcel e Alexandro González sobre a ruta de peregrinación a Santiago, dende Europa central ata Compostela, na que se destacan os camiños, paisaxes históricos e lugares da memoria común europea ligados ás peregrinacións xacobeas.

A mostra está composta por 53 imaxes e unha proxección audiovisual de 15 minutos, a través das que se percorren o Camiño por terras de Hungría, Eslovenia, República Checa, Croacia, Eslovaquia, norte de Italia, sur de Francia e o percorrido por España ata Santiago.

Compartir: