TURISMO

Santiago bate en setembro a marca de pernoctacións internacionais

24/10/2012 Durante o pasado mes de setembro rexistráronse 66.598 pernoctacións de turistas internacionais en Santiago, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta cifra supón a mellor marca no número de pernoctacións internacionais nun mes, superando as 62.207 que se deron en setembro do Ano Santo 2010.

Os datos de setembro seguen a tendencia que se vén marcando durante todo o ano. O turismo internacional continúa medrando na cidade mentres que decrece o turismo nacional. Así, setembro foi o terceiro mes do ano no que Santiago tivo máis pernoctacións internacionais que domésticas, despois de que xa sucedese en maio e xuño.

As 66.589 pernoctacións internacionais de setembro supoñen un crecemento do 19,92% respecto das 55.526 de setembro do ano pasado. No acumulado anual, as pernoctacións internacionais chegan xa a 346.976, a mellor cifra alcanzada nunca nos nove primeiros meses do ano. O crecemento acumulado con respecto a este período do ano pasado sitúase no 11,21%.

O turismo doméstico xerou en setembro 60.544 pernoctacións. É o segundo peor dato dende 2004, só superando as 60.321 de setembro de 2008. Representan un descenso do 21,02% respecto do mesmo mes do ano pasado. No acumulado anual o turismo nacional suma 501.568 pernoctacións, representando un descenso do 14,47% respecto a este período de 2011.

A caída do turismo nacional ten a súa causa na crise económica, que está reducindo as viaxes nun modo considerable. Así, segundo os datos do INE, o 44,5% dos fogares españois non se pode permitir marchar polo menos unha semana de vacacións fóra da casa, porcentaxe 5,6 puntos superior á do ano 2011.

Sumando turismo doméstico e internacional, en setembro houbo 127.133 pernoctacións, cunha caída do 3,82% respecto a setembro do ano pasado. Non obstante, tras os datos de 2010 e 2011, é a terceira mellor cifra dende 2004. No acumulado anual, ambas as dúas categorías unidas suman 848.544 pernoctacións, cun descenso do 5,55% respecto deste período do ano anterior.

Compartir: