ALCALDÍA

Inaugurado o VI Encontro Nacional de Xestores de Patrimonio Mundial

23/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, inaugurou o VI Encontro Nacional de Xestores de Patrimonio Mundial, xunto coa subdirectora xeral adxunta de Protección do Patrimonio Histórico do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Esther Rodríguez; e o conselleiro de Educación e Cultura en funcións, Jesús Vázquez. O evento celébrase no Hotel Monumento San Francisco os días 23 e 24 de outubro.

A través de conferencias e coloquios, expertos e profesionais do sector abordarán neste evento os aspectos relativos ao patrimonio cultural e natural, as políticas de desenvolvemento sostible e a súa repercusión nas poboacións locais. Deste xeito, os Encontros de Xestores de Sitios Patrimonio Mundial consolídanse como un foro anual de encontro, análise e debate dos problemas e peculiaridades destes lugares tan representativos do noso patrimonio común, co fin de que repercuta nunha mellor e máis eficaz conservación destes.

Reflexionarase conxuntamente sobre o patrimonio dende múltiples perspectivas, incluído a turística. Trátase dun encontro que contará cun nivel de excelencia, posto que España é o segundo país do mundo en bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, con 44.

A través de intervencións como as de Maider Maraña Saavedra, Cristina Gutiérrez-Cortina, Agustín Santana Talavera, Juan Garay Zabala ou Manuel Montes Sánchez abordaranse os retos de futuro que o Patrimonio Mundial debe afrontar ante o reto de intentar alcanzar un desenvolvemento equilibrado e sostible. Pola súa banda, relatores como Claudia de Santos Borreguero, José M. Mallarach, Roberto López de Eguilaz ou Gary Gautier Bernat presentarán algunhas experiencias reais na que xa se intentou que esa participación local e sostible sexa unha realidade.

Compartir: