BENESTAR SOCIAL

O Concello formaliza o reparto de 398.000 euros entre diferentes entidades sociais

23/10/2012 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, asinou en Raxoi varios convenios de colaboración coas entidades Fonte da Virxe, Down Compostela, Aspas, Acem, San Vicente de Paúl, Don Bosco, Sarela, Fundación Andrea, TP Galicia e Cruz Vermella. Esta foi a primeira rolda de sinatura de acordos, que continuará nos vindeiros días ata completar a totalidade de convenios, que suman unha achega municipal de 398.000 euros.

Paula Prado lembrou o aumento que o Goberno local realizou na partida para estas axudas, co obxectivo de chegar a todas aquelas persoas que precisan algún tipo de axuda. Nalgúns casos o incremento da achega tradúcese en novos servizos e noutros no reforzo da actividade que xa viñan prestando estas entidades.

Unha novidade dos convenios deste exercicio é que inclúen unha cláusula pola que os sancionados por consumo de alcohol na vía pública poden realizar os traballos substitutivos nestas entidades.

Entre os convenios asinados desta vez salienta o subscrito coa Cruz Vermella, na que a achega pasa dos 11.000 aos 22.000 euros en virtude da creación dun servizo de teleasistencia no fogar, dirixido a todos aqueles maiores da cidade que vivan sós, como medio de prevención de riscos, e que se complementará coa implantación de 20 sistemas periféricos de detección de gas, fume, movemento e caídas. Beneficiaranse deste servizo unhas 50 persoas.

Este servizo súmase aos que xa contemplaba o convenio, do proxecto de lecer e tempo libre con maiores, con actividades coma os talleres de memoria, manualidades, ximnasia, expresión corporal ou de cociña da avoa, así como tamén o programa de acompañamento a persoas maiores a xestións domésticas.

Os demais convenios asinados nesta xornada foron os seguintes, coas súas correspondentes achegas:

- Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, 3.500 euros.
- Down Compostela, 10.000 euros.
- Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (ASPAS), 4.600 euros.
- Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), 2.700 euros.
- Asociación Voluntarias da Caridade de San Vicente de Paul, 4.600 euros.
- Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, 2.000 euros.
- Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA, 2.000 euros.
- Fundación Andrea, 3.000 euros.
- Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP – Galicia), 2.000 euros.

Compartir: