BENESTAR SOCIAL

O incremento do número de horas do Servizo de Axuda ao Fogar permitirá reducir as listas de agarda nun 70%

19/10/2012 A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, deu conta da concesión autonómica de 1.013 horas ao mes máis para o Servizo de Axuda ao Fogar. Este incremento vai permitir reducir as listas de espera nun 70%.

Tal como explicou a concelleira, na modalidade de libre concorrencia deixará de haber lista de espera, ao poder ser atendidas agora as catro persoas que estaban nesta situación. Esta modalidade é aquela na que non é preciso o recoñecemento da situación de dependencia por outra administración, senón que depende do informe dunha traballadora social.

Nestes casos de libre concorrencia, os usuarios poden recibir unha atención de ata 40 horas mensuais. O Concello dispón de 2.398 horas ao mes nesta modalidade, que permiten atender a 131 persoas.

A outra modalidade de funcionamento do Servizo de Axuda ao Fogar é aquela que depende directamente da Lei de Dependencia. O Concello dispoñía de 1.886 horas ao mes, ás que se suman agora as 1.013 horas máis, o que supón un incremento de máis do 53%. Deste xeito, poderán atenderse 16 persoas máis das 40 que se viñan atendendo ata agora.

Con estas 56 persoas atendidas polo Servizo de Axuda no Fogar no marco da Lei de Dependencia, na lista de agarda quedan 22 persoas. Non obstante, Paula Prado explicou que algunha destas persoas en agarda na Dependencia poderán ser atendidas na modalidade de libre concorrencia.

Esta modalidade suxeita á Lei de Dependencia ten unhas prestacións que poden chegar ata as 90 hora semanais, incluídos os fins de semana. Neste sentido, a concelleira lembrou que nesta lexislatura autonómica, o recoñecemento de persoas con dereito a dependencia medrou nun 391% no municipio.

Maior investimento
Este incremento de 1.013 horas ao mes supón un investimento a maiores da Xunta de 9.826 euros/mes, que xunto cos 18.294 euros/mes que xa investía ata a actualidade, suman un total de 28.120 euros/mes. Esta cantidade fíxase en función dun custo de 9 euros/hora, se ben ao Concello paga á concesionaria do Servizo de Axuda ao Fogar un prezo de 13 euros/hora.

As arcas municipais asumen a diferenza, de tal xeito que para o Concello o custo mensual a maiores é de 3.342 euros. Por isto, o investimento a maiores polas novas horas en 2013 será de 158.026 euros, dos que 40.113 corresponden á achega municipal e 117.913 á autonómica.

Estimando este aumento de horas, incrementarase o custo do Servizo de Axuda ao Fogar en 2013 ata os 902.952 euros. En 2012 o custo fora de 770.000 euros e en 2011 de 700.000 euros.

Compartir: