EDUCACIÓN

Os pequenos xogan a ser axentes

10/05/2006 Un policía local axúdaos cada día a cruzar a rúa cando saen do colexio. ¿Pero que máis saben os escolares composteláns desta persoa? Seguramente coñecen máis a un policía de calquera serie televisiva que a ese home uniformado que forma parte da súa rutina diaria. Co fin de acabar con este descoñecemento xorde Vivir Santiago, unha iniciativa que está levar ós máis novos a coñecer a súa cidade, os seus moradores, o seu funcionamento.

Esta vez tocaba visita á Policía Local e os elixidos eran 25 escolares de educación infantil do Colexio Compañía de María. Chegaron en ringleira e de dous en dous, collidos pola man. E debe ser que a policía, sexa a que sexa, impón respecto, porque o silencio era total antes da charla que lles deron dous axentes.

Interese non lles faltaba aos rapaces, atentos ás explicacións dos axentes. Á vista das súas palabras, resultaron estar concienciados e ser bos coñecedores das súas obrigas como peóns ou pasaxeiros dun automóbil. Outra cuestión eran os pais, obxecto das súas queixosas acusacións por imprudencias diversas.

Estaban desexosos de experimentar o que sente un home de uniforme. A visita era didáctica, pero non tanto, e tiveron que conformarse con probar as gorras e os cascos. Os tamaños en nada coincidían cos das súas cabezas, pero o importante era a sensación.

Tamén quixeron os nenos coller as porras, pero a percepción do seu uso alonxábase da realidade. Máis ben crían ter nas súas mans unhas espadas láser e non un instrumento disuasorio. Seguramente terán visto moitos debuxos animados, pero non moitas manifestacións con disturbios nos informativos. Malia todo, os nenos non desaproveitaron a ocasión de empregalas para comprobar a dureza e consistencia dos cascos e dos escudos.

A innegable influencia televisiva reflectiuse nas caras e nos berros de sobresalto cando un dos axentes lles indicou que poderían ver onde gardan as súas armas. Iso si, só o lugar, para o seu pesar. Efecto parecido tivo o achegamento aos calabozos, que puideron ver dende o exterior. Ao fin e ao cabo, segundo dixo o propio axente, "en Santiago non hai malos".

Control de alcoholemia

Outra das atraccións desta particular expedición escolar foi a simulación dun control de alcoholemia. Deron todos negativo, como non podía ser doutro xeito, pero algún case deixa o alento no intento. Esperaban unha especie de globo no que soprar e chamoulles a atención o aparatiño. Quedaron emprazados para dentro duns anos, en calquera rúa, en calquera noite. Para entón o control xa será real. Está por ver que o resultado volva a ser negativo.

Tampouco faltou o paso pola sala de control de tráfico. Curioso era ver o grao de coñecemento dos nenos das rúas que saían nas pantallas. Por uns instantes, mesmo puideron mover ó seu antollo algunhas das cámaras. A tecnoloxía ten cada vez menos secretos para eles.

O broche final agardábaos fora das dependencias municipais, cun dos automóbiles da Policía Local. O coche non se moveu, pero coas súas luces e as súas sereas, os nenos creron estar patrullando por calquera rúa de Nova York. Iso si, seguramente ese coche nunca tivo tantos pasaxeiros á vez no seu interior.

Rematada a visita, as caras eran de ledicia e contida satisfacción. Os rapaces adentráranse nun mundo cotiá, aínda que descoñecido para eles. Estaban ledos por ver, por tocar, por saber, por vivir… Tal vez agora miren con outros ollos a ese home de uniforme azul que detén os coches para que eles atravesen a rúa. Polo menos agora saben como traballa e que fai un policía local e teñen un novo tema de conversa para o recreo.

Para outro día quedará coñecer outros lugares de interese da súa cidade: a Praza de Abastos, o Parque de Bombeiros, a Casa do Concello, o Parque da Alameda, o Vertedoiro Municipal, a Estación Depuradora de Augas Residuais ou a Estación de Tratamento da Auga Potable. En definitiva, máis oportunidades para que estes nenos sintan e vivan a súa pertenza a ese espazo cidadán que é Santiago de Compostela.

Compartir: