XUNTA DE GOBERNO

O novo Regulamento de Venda Ambulante permitirá a venda de produtos frescos no mercado de Salgueiriños

18/10/2012 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de Regulamento de Venda Ambulante. Ademais, deuse o visto bo a unha modificación da Ordenanza reguladora da publicidade e rotulación e a obras en Pelamios e en Viso.

O proxecto de Regulamento de Venda Ambulante introduce varias novidades, algunha das cales responden ás demandas manifestadas polo propio colectivo de vendedores ambulantes, que en Santiago se instalan no tradicional mercado dos xoves en Salgueiriños. Ese é o caso da autorización de produtos de alimentación frescos, segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado.

Este ampliación dos produtos de venda pretende dinamizar o mercado e atraer a máis compradores. De feito, indicou a edil, os postos de alimentación situaranse na parte central do mercado, que na actualidade está máis baleira.

O Regulamento tamén se adapta ás diferentes modificacións normativas tanto a nivel estatal como autonómico. Así, por exemplo, simplifícase o procedemento no outorgamento de autorizacións. Estas concederanse por un prazo de cinco anos, prorrogables por outros cinco. Ademais, contrariamente ao que sucedía ata agora, a autorización poderá habilitar non só ao titular, senón tamén ao cónxuxe ou descendentes directos. No caso de cooperativas, estas non poderán ocupar máis do 50% do espazo da zona autorizada.

No ámbito da mesma Concellería, aprobouse o reparto das axudas destinadas ás asociacións comerciais da cidade, coa seguinte distribución: Santiago Centro, 18.453 euros; Em-Rede, 777 euros; e Compostela Monumental, 20.000 euros.

Urbanismo
En Urbanismo, aprobáronse inicialmente tres modificacións da Ordenanza municipal reguladora da publicidade e rotulación. Unha delas é a incorporación dunha disposición adicional que habilita ao alcalde para, mediante Decreto, ditar as instrucións ou disposicións necesarias para a aplicación da Ordenanza, cando por cuestións temporais non é posible a tramitación habitual.

A segunda modificación afecta ao artigo 37 no relativo á altura dos fitos, que carecía ata o momento dunha regulación axeitada. Este artigo queda redactado de tal xeito que se establecen máis ao detalle as características xerais dos monólitos institucionais e fitos comerciais. Así, nos edificios de uso exclusivo non residencial poderanse instalar fitos comerciais ou monólitos institucionais identificativos no espazo libre de parcela, dentro da aliñación oficial. A súa altura será de 1/2 da altura del edificio, cun máximo de 12 metros. En edificios que se ubiquen nun solo industrial a altura poderá alcanzar os 24 metros sempre que se sitúen fora do ámbito de protección do Camiño de Santiago. Indícase igualmente que o deseño e composición destes fitos deberán integrarse no proxecto de edificación sen que a súa instalación poida supoñer, en ningún caso, un perigo para as instalacións e edificios existentes na propia parcela, para as edificacións lindeiras ou para as vías de circulación de vehículos.

O 38 regula os postes publicitarios, ampliando tamén o detalle. Poderanse instalar postes de publicidade, co nome dun establecemento comercial nun cartel ou nunha bandeirola, en solos de titularidade municipal previa obtención de licenza e da correspondente autorización demanial, que en calquera caso poderá ser denegada por razóns estéticas ou cando se prexudique ó uso público. Será posible instalar vallas de publicidade, que poden servir de soporte á anuncios de produtos, establecementos comerciais, ou actividade institucional, cultural, deportiva, electoral, etc. en solos de titularidade municipal mediante concesión administrativa suxeita aos pregos de condicións. Os pregos de condicións determinarán o deseño, dimensións, características, lugares de instalación e outras condicións que en cada caso procedan.

Tamén a proposta da concelleira de Urbanismo, aprobouse unha modificación para un crédito extraordinario, por importe de 20.000 euros, destinado ao arranxo do mobiliario urbano. Entre as actuacións figura a reparación dunha varanda situada en Rosalía de Castro e con perigo para os viandantes, á que se destinan 8.000 euros.

No capítulo de licenzas, Paula Prado salientou a concedida ao Consorcio de Santiago para unha intervención no enreixado das ventás da fachada principal do Convento de Santa Clara. Destinaranse 49.157 euros a esta primeira fase, que ten un prazo de execución de seis meses.

Finalmente, aprobouse definitivamente o Proxecto de reparcelación do parque empresarial da Sionlla.

Barrios
Na sesión tamén se adxudicaron as obras a realizar pola Concellería de Barrios en Pelamios – Vista Alegre, por importe de 29.832 euros. Fundamentalmente, faranse reparacións na pista do parque Mosquera Pérez e en Tras Santa Isabel.

Seguindo con este mesmo paquete de actuacións, adxudicáronse as que se realizarán en Viso, por 34.000 euros. Neste caso están previstos traballos en Ameneiral, Casa do Quinto, na pista xeral e na parada do autobús.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, aprobouse outro grupo de convenios con 11 entidades sociais: Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, 2.000 euros; Fundación Andrea, 3.000 euros; Cáritas Diocesana - Programa Vagalume, 34.000 euros; Cáritas Diocesana - Programa Atención Primaria, 70.000 euros; Cociña Económica, 42.000 euros; Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home, 42.000 euros; Centro Cultural Social Xoán XXIII, 40.000 euros; Aspas, 4.600 euros; Asociación Galega de Lupus, 2.000 euros; Agade, 3.000 euros; e Cruz Vermella, 22.000 euros.

Tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación de Voluntarios de Protección Civil co obxectivo de que as persoas infractoras da Lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e da Ordenanza de convivencia e residuos poidan substituír as sancións acordadas por traballos en beneficio da comunidade.

Cultura
Outro dos asuntos tratados polo Goberno local foi a aprobación de dúas novas subvención nominativas a entidades culturais: unha de 4.250 euros para a Fundación Rosalía de Castro e outra polo mesmo importe para a Asociación Cultural Musical Solfa.

Documentos relacionados



Compartir: